A sesión de pirotecnia das festas patronais de San Cibrao será no Parque

A gran novidade das atraccións será unha montaña rusa de última xeración 

Unha montaña rusa de última xeración será a gran novidade das atraccións de feira durante as festas patronais do San Cibrao no Carballiño, que se celebrarán do 14 ao 19 de setembro. Os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, xunto coa comisión de festas, integrada por veciños da vila, sinalaron que a ubicación de grandes atraccións na Praza da Veracruz obriga a cambiar a sesión de pirotecnia do sábado, que por primeira vez terá lugar na explanada do Parque municipal. Deste xeito tamén se evita o ruido que ocasionan os fogos e que poden afectar á torre da igrexa.

Este cambio conta con todos os informes favorables da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, que se encargarán de regar a explanada e as copas das árbores no perímetro polo que se poden extender os restos do espectáculo de pirotecnia. 

Os concelleiros tamén destacaron o éxito do cartel anunciador das festas, do que é autor o fotógrafo José Luis Diz, e presentaron o libro coa programación, no que se recollen colaboracións de Felipe Senén, Eliseo Fuentes, Miguel Anxo Fernández, Camilo Camaño e Ángel de la Cruz, ademáis de vellas fotografías recopiladas pola asociación O Potiños. O presuposto da festa ronda os 80.000 euros, e a organización espera que os veciños fagan aportacións este próximo domingo, ás 12,00 horas, na Praza Maior.

Te puede interesar