En Porto da Veiga construiron unha área recreativa e un depósito de auga por 80.000 euros

Veciños do Irixo invisten no seu pobo os cartos do AVE

A área recreativa da Condomiña. (Foto: MARCOS ATRIO)
Un grupo de veciños da parroquia de Santa María do Campo, no municipio do Irixo, aproveitou as indemnizacións que recibiron polas expropiacións do paso da liña do tren de alta velocidade (AVE) polas súas propiedades para investilas en beneficio da comunidade. 'Somos poucos, en total uns oito veciños da aldea do Porto da Veiga, que despois de darlle moitas voltas ó tema, decidimos que os cartos que cobramos polas nosas fincas foran destinadas a un ben común', sinala Xosé Luis Rodríguez, un dos promotores.
Con perto de 100.000 euros cobrados polas expropiacións, tanto de monte comunal coma de terreos particulares, tiveron a idea de destinar ó redor dun 80% desa cantidade ó acondicionamento dunha paraxe natural do contorno, de nome A Condomiña, e tamén tiveron a cortesía de encargarlle a execución do proxecto a unha constructora do Irixo. Iste contemplou, por unha banda, a creación dunha área recreativa na que se plantou céspede e arbustos e colocáronse mesas e bancos de pedra.


INICIATIVA

'Esta instalación ten coma fin principal o descanso dos veciños ou de calquera persoa que acuda ata A Condomiña, pero tamén poden ser utilizados para acoller un xantar improvisado', apunta Antonio Ferreiro, outro veciño. Foi así coma o pasado sábado, a empresa que levou a cabo os traballos organizou unha festa de inauguración, na que non faltou o pulpo e a carne ó caldeiro, e á que invitaron ó alcalde do municipio, Manuel Penedo. O rexedor indicou que 'por parte do Concello, tan só aportamos unha das mesas, pero teño que loubar esta iniciativa dos veciños, xa que me parece un exemplo a seguir na recuperación dos pobos do rural'.

Pero o proxecto non se limitou tan só á zona recreativa, senón que tamén incluiu a reforma dun manancial ubicado no contorno, coa adaptación da correspondente fonte e canalización a un depósito con capacidade para gardar ata 100.000 litros de auga.

'Neste caso, os veciños de Porto da Veiga aproveitaron o investimento para poder dispor dun sistema de regadío nas súas fincas de cultivo, teno en conta que moitos puzos de auga privados e incluso as redes de abastecemento públicas foron danados polas obras de construcción da liña do AVE no Irixo', lembra Manuel Penedo. Ademais, o estanque tamén pode ser utilizado por equipos de extinción en caso de calquera incendio, xa sexa urbán ou forestal, que se declare no contorno.


MANTEMENTO

Os veciños de Porto da Veiga amosan o seu orgullo 'por ter feito esta obra, que con toda probabilidade aínda aumentaremos coa instalación dun depósito con máis profundidade para darlle facilidades ós helicópteros do servizo de emerxencias da Xunta, co fin de coller auga sen ter que desplazarse a outros lugares da comarca ou fóra dela', comentan. Os operarios da brigada municipal do Irixo encargaranse, no futuro, do mantemento, conservación e limpeza da área de A Condomiña.

Te puede interesar