CARBALLIÑO

Unha vivenda acollerá a nova montaxe teatral de Dar Trela

Javier Nóvoa, Clara Vázquez, Diego Fernández e Darío Rodríguez, na presentación.
photo_camera Javier Nóvoa, Clara Vázquez, Diego Fernández e Darío Rodríguez, na presentación. (X.A.R.)

Un elenco de 12 persoas ofrece na noite do venres unha nova experiencia con aforo reducido

Unha casa ao pé da ponte de Toscaña, no Carballiño, será o marco no que se desenvolva a primeira produción escénica do novo grupo de teatro Dar Trela, que se estrenará o próximo venres, 5 de xuño, cun aforo limitado a 20 persoas, e para o que é preciso realizar a correspondente reserva só por vía telefónica. Esta experiencia teatral, insólita e pioneira na provincia de Ourense e Galicia, foi presentada onte por tres integrantes do colectivo, Clara Vázquez,Darío Rodríguez e Javier Nóvoa, acompañados polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

A montaxe, nomeada "Cas Rohelia" non é unha obra de teatro ao uso, senón diversos xeitos de expresión (poesía conceptual, monicreques, teatro do absurdo, monólogos, microrrelatos e teatro negro) que se suceden en diversos lugares da vivenda, como son o exterior, a cociña, o corredor, o salón e o fallado. E, como remate, un coloquio entre os espectadores e os intérpretes. Clara Vázquez foi a encargada de explicar o contido do espectáculo."Fóra da casa haberá unha sesión inicial  de poesía conceptual e monicreques, e xa no interior, na cociña, unha mostra de teatro do absurdo. No corredor, un monólogo interior e, no salón, microrrelatos con temática de realismo social, mentres no fallado, unha representación de teatro negro no que a temática será o medio ambiente", apuntou a directiva de Dar Trela.

Non é  unha comedia, senón unha nova experiencia, ou, como indicou Darío Rodríguez, "unha nova forma de expresión e de interacción entre o espectador e os protagonistas". Un total de 12 actores e actrices interpretan os diferentes roles desta proposta teatral, nun espectáculo que está previsto para as 22,30 horas do vindeiro venres, cunha duración aproximada dunha hora e media, contando cos desprazamentos polos diversos escenarios da vivenda. Ademais desta sesión inaugural, tamén terán lugar outras representacións o sábado e o domingo, 6 e 7 de xullo, á mesma hora.

O prezo da entrada é de 7 euros, e non se poderá adquirir en taquilla, senón de xeito anticipado a través de whatsapp ou chamando aos teléfonos 645167278 ou 600829089. O concelleiro de Cultura,Diego Fernández, agradeceu o esforzo que realiza este grupo, "que é novo pero que conta cunha gran experiencia teatral, por crear algo diferente e novidoso", á vez que lles desexou moito éxito e parabéns.

Javier Nóvoa agradeceu a Chechu Carballido a composición da música do espectáculo, que é orixinal, así como a Chus Otero a elaboración do cartel anunciador e ao Concello do Carballiño por ceder o auditorio para os ensaios.

Te puede interesar