As Xociviga ofrecen 27 proxeccións ó longo da semana

LR- O Auditorio municipal, a Casa da Cultura e a Praza Maior do Carballiño serán toda esta semana sedes das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), que organiza a Concellería de Cultura. Ó acto inaugural, hoxe á noite, asistirán a actriz Uxía Blanco e o productor e director Antón Reixa.

 

O programa das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño ofrece nesta vixesimocuarta edición un total de 16 longametraxes, 10 curtametraxes e un documental, ademais dun  obradoiro infantil de efectos especiais.

A Concellería de Cultura organiza este festival cun presuposto de 35.000 euros, dos cales 25.000 son aportados polo Consorcio Audiovisual de Galicia e 10.000 polo Concello carballiñés.  As proxeccións están distribuidas nun total de cinco ciclos, no que destaca o adicado ó productor e director galego Antón Reixa, que hoxe participará no acto de inauguración, previsto no Auditorio municipal, e que será presentada pola actriz Uxía Blanco.

Deste xeito, o filme ’Hotel Tívoli’, realizado polo antigo líder do grupo musical ’Os Resentidos’ será o primeiro que poida  ve-lo público, ás 23,00 horas. A organización tamén ten programado para o vindeiro venres, na Casa da Cultura, a presentación e visionado do documental ’Adeus Edrada’, do ourensán Rubén Rios.

Por outra banda, o profesor Ricardo Spencer coordenará do 1 ó 3 de agosto un obradoiro de efectos especiais para nenos e nenas de 8 a 16 anos, mentres a Praza Maior acollerá o día 5 a proxección de ’Spiderman 3’.

Te puede interesar