O Concello carballiñés tentará captar novos colleiteiros e promocionar as adegas existentes

Os xóvenes son a clave para manter o tinto de Cabanelas

Os colleiteiros e Argimiro Marnotes, na presentación da 'Festa do Viño Novo' (Foto: Martiño Pinal)
As autoridades municipais fixan coma un dos obxectivos de desenvolvemento do rural a preservación dun dos productos estrela do Carballiño, o viño tinto que se produce na parroquia de Cabanelas. Un cultivo que cada ano vai perdendo colleiteiros, xa sexa por falecemento ou xubilación, e que non atopa o necesario relevo xeracional.
Así, o Concello pretende difundir a historia e a calidade contrastada dos caldos desta localidade, que foron os primeiros que xa deron a coñecer a riqueza vitivinícola de O Ribeiro dende a Idade Media. Neste sentido, o alcalde carballiñés, Argimiro Marnotes, manifestou que 'hai que buscar xente xoven e emprendedora que sexa capaz de facerse cargo dunha viña e traballala para sacar o seu froito'. A ise nivel, iniciaranse cara o ano vindeiro campañas de captación de novos colleiteiros, ó traverso de seminarios de formación e a organización de rutas que permitan coñecer as adegas.

PROMOCIÓN
Un dos primeiros pasos será ofertar a proba dos tintos duns seis adegueiros no decurso da 'Festa do Viño Novo', que se celebrará o domingo día 27 deste mes. 'Hai un mercado que hai que cuidar e que tamén se pode ampliar, e por iso temos que promocionalo e non quedarnos nun simple xantar', apuntou o rexedor carballiñés. Os veciños que colaboran con iste evento lembraron que 'hai 20 anos collíanse aquí uns 10.000 mollos de viño (case 130.000 litros) e agora rondamos os 1.500 mollos (algo menos de 20.000 litros)'. Ademais, os prezos de venta tamén baixaron considerablemente. Por iso, consideran que a iniciativa de promoción dos cultivos do Concello é boa, 'sempre e cando outras institucións colaboren económicamente e subvencionen ós novos colleiteiros', suliñaron.

Te puede interesar