O cupón da ONCE do 30 de maio estará adicado ó monumento do Mosteiro de Melón

A Organización Nacional de Cegos (ONCE) asumiu a solicitude do Concello de Melón para adicarlle ó antigo mosteiro desta localidade a imaxe do cupón que será distribuido para a súa venda a nivel de todo o Estado o vindeiro sábado 30 de maio. O alcalde do municipio, Alberto Pardellas, sinalou que ‘tomamos esta iniciativa de difusión co obxectivo de dar a coñecer a todo o pobo español os bens do patrimonio natural, cultural, histórico e monumental que posuimos nos nosos pobos’.
Na mesma liña, o rexedor ‘popular’ destaca que ‘xa temos concedida a data do 31 de outubro deste ano para a edición do cupón da ONCE, que se adicará ós cruceiros ubicados na parroquia de Quins’. Alberto Pardellas comenta que ‘iste é un conxunto de grande interese artístico que está integrado por un vía crucis estructurado en estacións equidistantes, no que se representa a paixón de Cristo e no que resalta o altar do cruceiro maior’. E coincidindo coa próxima emisión do cupón encol do mosteiro, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, viaxará mañá luns ata Melón para a sinatura do convenio de colaboración do proxecto de consolidación deste monumento nacional datado no século XII.

Emerxencia

A Corporación municipal recibirá ás 13.00 horas ó mandatario autonómico na Casa do Concello, onde firmará no libro de honra e imporáselle un ‘pin’ co escudo de Melón. De seguido, Roberto Varela e Alberto Pardellas desplazaranse ata o mosteiro a fin de rubrica-lo convenio, rematando o acto cunha invitación gastronómica para todos os veciños. O alcalde apunta que ‘o grave deterioro do monumento levou a acometer ata agora unha actuación de emerxencia, e as primeiras obras que se van levar a cabo consisten no acondicionamento e restauración do adro e do espazo de acceso ó mosteiro, segundo o proxecto aprobado’.


Te puede interesar