Magostos

A DO Ribeiro celebrará o seu magosto na cidade

Momento dunha representación da Ruta do Viño, no mosteiro de San Clodio.
photo_camera Momento dunha representación da Ruta do Viño, no mosteiro de San Clodio.
Ofrecerá unha representación teatral, un túnel do viño e música 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e a súa Ruta do Viño serán protagonistas da xornada do próximo 9 de novembro na cidade de Ourense, con motivo da celebración dos Magostos. Conxuntamente organizan varias actividades para enriquecer a programación prevista para as festas, O presidente de ambos organismos, Juan Manuel Casares, indica que "a cidade de Ourense é historicamente importante para o Ribeiro. Hai que ter en conta que unha parte de Ourense está dentro do territorio demarcado na Denominación de Orixe, así coma que o Concello de Ourense é socio da Ruta do Viño do Ribeiro".

En primeiro lugar, celebrarase unha representación teatralizada dedicada ao camiño do viño, aos arrieiros e o viño do Ribeiro. O acto terá lugar a partir das 12,30 horas nos xardíns de Padre Feijóo (se chove trasladarase á carpa situada na Praza Maior), onde se interpretará un guión descubrindo o camiño que facían os arrieiros ata terras de Compostela transportando viño, contando historias e datos dun camiño milenario.

Ademais, organizarase un túnel dos viños da Ruta do Viño do Ribeiro no Liceo de Ourense, onde, de 12,00 a 14,00 horas, todos aqueles que o desexen poderán degustar varias referencias de viño  e onde lle explicarán as peculiaridades de cada un deles.

E por último, sempre que a climatoloxía acompañe, un DJ móbil percorrerá as prazas máis relevantes da zona de viños de Ourense, de 21,00 a 00,00 horas. 

Este ano, a Ruta do Viño do Ribeiro e o Consello Regulador colaboran para a promoción do viño e do territorio no Magosto e tamén no Día Europeo do Enoturismo, que se celebra o 10 de novembro, promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño, e no que os principais destinos enoturísticos europeos desenvolven actividades.

Te puede interesar