A parcelaria de Melón comeza por abrir pistas

O proceso para acometer a concentración parcelaria de terreos nas parroquias de Quins e Melón, neste municipio, xa se puxo en marcha coa contratación das obras de acondicionamento dos camiños principais. A Consellería de Medio Rural adxudicou a primeira fase deste proxecto cun orzamento de 620.472,49 euros, unha vez que os técnicos deste departamento fixeron un control e seguimento arqueolóxico e de impacto medioambiental na zona.
Na actualidade, a Xunta está a tramitar a licitación do proxecto básico de 'Movemento de terras, obras de fábrica e reposición de muros' nas fincas que serán obxecto de concentración, que suporá un investimento aproximado de 237.000 euros. Nestes traballos inclúese un total de 19 pobos do municipio, entre eles Covelo, Barcia, Quins e O Tourón entre os máis importantes.

Ademais desta concentración de fincas particulares, o Concello de Melón xa abriu, ata finais de marzo, un prazo para a recollida de sinaturas entre comuneiros e propietarios privados para levar a cabo un proceso de concentración de montes, co obxectivo de mellorar a súa productividade e prever incendios.

Te puede interesar