É un recoñecemento ó proxecto que desenvolve coa Cruz Vermella, Afaor e a cárcere de Pereiro

Premio internacional para o Etnolóxico de Ribadavia

Edificio do Museo Etnolóxico, ubicado no casco histórico de Ribadavia. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Museo Etnolóxico de Ribadavia ven de recibir unha mención de honor do comité técnico do III Premio Iberoamericano de Educación e Museos, outorgado por Ibermuseos, a través da convocatoria do Instituto Brasileiro de Museos. A distinción ó museo e á entidade que presentou a candidatura, a súa Asociación de Amigos, concedéronlla polo proxecto que leva por nome 'Museo Aberto', promove o manexo do patrimonio cultural como ferramenta de acción social orientada a colectivos non habituais nas prácticas e experiencias museolóxicas.
Este proxecto supón a colaboración anual con tres entidades externas: Cruz Vermella, Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer (Afaor) e a prisión de Pereiro de Aguiar, coas que desenvolve os programas de 'Museo no cárcere', 'Lembrar no Museo' e 'Vémonos no espello'. Un total de 17 proxectos foron recoñecidos cunha mención de honor. Ademais da outorgada ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, outros centros de Hispanoamérica, Portugal e España recibiron esta distinción. O Museo Etnolóxico tamén desenvolve esta semana un programa de actividades con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos, e que teñen como centro de atención aos escolares da comarca do Ribeiro.

Te puede interesar