Ribeiro en Común propón estudar a fusión de concellos

Ribadavia

O grupo municipal Ribeiro en Común presenta unha iniciativa ao pleno de Ribadavia para abrir o debate sobre a necesidade de unir forzas e recursos nunha comarca en situación socioeconómica e de despoboamento preocupantes, segundo sinala.

“A fusión de concellos significa reforzar en poboación, territorio, recursos e financiamento aos actuais concellos da comarca que están en vías de despoboamento e empobrecemento, Ribadavia incluída. Negar isto non vai resolver os problemas que vivimos, e isto é así a pesar do enorme potencial e riquezas das que dispón tanto Ribadavia como O Ribeiro, que continúan aí á espera dun cambio substancial que as active”, apunta este grupo da oposición.

Nese sentido, lembra que a comezos do presente mes, a Xunta de Galicia anunciaba a súa intención de volver a promover a unión de concellos galegos. Nesta liña, desde a  Fegamp anunciaban tamén que non se opoñía ás fusións voluntarias.

“A situación de Ribadavia é a de baixando dos 5.000 habitantes, con escaso territorio pero en consecuencia cunha importante densidade poboacional, mentres os demais municipios do Ribeiro rondan os escasos mil habitantes, e algúns moitos menos”, matiza. Por elo, propón ao Concello que solicite á Xunta que realice o estudo e proxecto de viabilidade de fusión voluntaria de concellos na comarca do Ribeiro e que o goberno local inicie accións neste sentido.

Te puede interesar