PREVENCIÓN

A Gudiña acolleu a presentación da Campaña de Vialidade Invernal

Para Galicia irán destinadas 90 quitaneves e 20.000 toneladas de sal. "Medios similares aos do ano pasado", segundo explicou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva

Un total de 1.359 máquinas quitaneves e 240.697 toneladas de fundentes -principalmente sal- integran a Campaña de Vialidade Invernal 2016-2017, posta en marcha polo Ministerio de Fomento para garantir a seguridade en estradas e autoestradas do Estado durante o inverno. De elas, 90 máquinas, 20.000 toneladas de sal e 3.000 metros cúbicos de salmoira corresponden a Galicia.

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva recordou que a intención desta campaña é que os medios estean "preparados ante as posibles condicións meteorolóxicas adversas que se poidan producir" co obxectivo de "previr" problemas e poder "actuar en calquera momento".

Para iso, en Galicia contarase cuns medios "similares aos do ano pasado", que estarán "repartidos estratexicamente nas estradas" co obxectivo de que "os usuarios das vías o noten o menos posible" no caso de nevadas e xeadas.

Todos os tramos de estradas da Rede do Estado teñen asignado un Nivel de Servizo, o que fai prioritaria a atención a aquelas vías con maior intensidade de tráfico, así como as autoestradas e autovías que comunican as capitais de provincia e as poboacións de máis de 20.000 habitantes.

Con esta campaña, o Ministerio de Fomento trata de garantir, na medida do posible, o "tránsito seguro" nas estradas do Estado ante situacións de xeada e nevada.

Tratamentos preventivos

Dentro das operacións de vialidade invernal está previsto efectuar tratamentos preventivos e curativos en situacións de baixas temperaturas e en caso de nevadas nos sectores de autovías, autoestradas e estradas convencionais afectadas.

Os principais obxectivos son a prevención da formación de placas de xeo sobre as calzadas cando esperen xeadas, a información aos usuarios das estradas de calquera incidencia coa antelación suficiente, e a retirada de neve para minimizar as perturbacións ao tránsito.

Te puede interesar