O pazo de Oca acolleu un emocionado recital de poemas e a súa filla, Eire, leu un discurso que recuperou do profesor

Os amigos de Marcos Valcárcel despídeno cunha homenaxe no Liceo

Un momento da homenaxe. (Foto: José Paz)
Estaban todos. Estaban ata os que non estaban. Estaban incluso Lamas Carvajal, Otero Pedrayo, Carlos Casares e Curros Enríquez. Tróuxoos Xosé Luis Méndez Ferrín. Dende un dos recantos dese Liceo que tanto frecuentou o profesor e historiador, presidiu a sala o sorriso de Marcos Valcárcel. Un sorriso que Antón Pulido, ausente pero presente, soubo perfilar xa no ano 2008. Dende alí, sobre unha bandeira galega, a imaxe do profesor acompañou ós seus amigos na despedida, cando xa se apagou ese repetido 'lóstrego entre dúas escuridades', co que Vicente Aleixandre definiu a vida e do que Valcárcel tanto botou man.
Pero o lóstrego non se apagou aínda. Afonso Vázquez-Monxardín -emocionado e emocionante conductor do acto- falou de tres mortes budistas, que comezan coa física. Séguea aquela que se produce cando morre a última persoa que nos coñeceu en vida. O derradeiro paso vén cando a memoria xa non se acorda de un, cando ninguén nos lembra. 'E Marcos vivirá mentres viva Galicia. Ata sempre, meu amigo', concluíu Monxardín.

Interrumpidos só pola melancolía da guitarra de Juan Manuel Vázquez, un por un foron pasando só algúns dos amigos que Marcos Valcárcel deixou. Pero non pasaron sós, cada un dos que se achegou ó atril para obsequiar ó público cunha lembranza do mestre ía da man doutro. Este outro non estaba alí, pero si que estaba alí. Personouse como autor dos poemas que se leron, escolma do seu particular 'libro dos amigos', froito daquela homenaxe que os seus lle brindaron no pazo de Oca e Valladares. Ó final despediuse el, valéndose da voz de Eire, a súa filla. Con toda a firmeza que o cansancio e a mágoa lle permitían, recuperou un discurso do pai no que daba as gracias a cantos o acompañaron mentres foi un 'lóstrego'.

Te puede interesar