Ana Pontón: “O goberno local quere facer unha cidade en branco e negro”

Ana Pontón, líder do BNG.
photo_camera Ana Pontón, líder do BNG.
Música e poesía, na festa reivindicativa do BNG no parque do Barbaña.

Ó carón da leiteira da Rúa do Paseo, rodeada de maios e baixo un sol que quentaba de máis, a líder do BNG, Ana Pontón, asegurou onte que en Ourense “hai un goberno municipal que quere facer unha cidade en branco e negro, e que está dándolle as costas e atacando directamente á cultura”. A voceira nacional, que viña de Vigo de participar na manisfestación do Primeiro de Maio, achegouse á festa reivindicativa que organizou o partido no parque do Barbaña. Música, poesía, audiovisuais e un xantar popular no que participaron máis de duascentas persoas. 

“Un dos obxectivos prioritarios deste goberno é o desmatelamento da cultura, do tecido cultural e da nosa identidade cultural. Fronte a esa desfeita, nós non podemos mirar para outro lado como se nada acontecera e, como rendirse non é unha opción, nós rebelámonos e ademais fácemolo da maneira que sabemos facelo, de maneira festiva”, sinalou o portavoz do grupo municipal do BNG, Luis Seara.

Tras a sesión vermú, puideron verse vídeos de apoio de xente da cultura como Sergio Pazos, Chechu Salgado, Federico Pérez e Isabel Risco. E despois do xantar popular,  proxectáronse documentais sobre a festa dos maios, o entroido e os oficios tradicionais. 

Metal galaico

A presentación do acto correu a cargo da concelleira nacionalista Rhut Reza,  e ó longo da tarde fixéronse lecturas de poesía e pequenas representacións teatrais. Tamén houbo actuacions musicais de grupos como As da chispa, Maskarpone e  Malheira, unha banda de metal galaico encargada de pechar a festa. “É evidente que esta cidade está vendo un declive nos últimos anos, de abandono, de pasotismo, cunha desfeita que desde o BNG queremos levantar”, dixo Pontón, que foi recibida con aplausos pola veciñanza que participou nesta xornada de cultura e convivencia.

Te puede interesar