Concelleiro de Infraestructuras e Mobilidade

Andrés García Mata: ‘Podemos cometer erros pero o nivel de xestión de obras que temos é importante’

García Mata, no balcón da Tenencia de Alcaldía. (Foto: Miguel Ángel)
Un convenio con Política Territorial por oito millóns de euros e outro con Vivenda, por cinco millóns, son, xunto cos fondos anticrise, a causa das numerosas obras que hai na cidade.
Os ourensáns poden ver na actualidade obras en moitas rúas. Como as priorizan?

O que recibimos a nivel de xestión do goberno anterior era que todo o que eran dotacións de infraestructuras non existía fóra de dúas rúas do centro. O primeiro que fixemos foi un deseño para facer actuacións en zonas determinadas de barrios pero tamén no centro, onde había espazos moi deteriorados. Esa planificación nos leva a petar nas portas da Xunta de Galicia e o que conseguimos foron investimentos en base a convenios coa Consellería de Política Territorial e Vivenda. A maiores, na área de Infraestructuras había unha brigada que se adicaba principalmente a pequenos arranxos e a sacamos a concurso para facer actuacións en distintos puntos da cidade.

Cando estarán rematados a maioría dos proxectos?

Agora mesmo temos máis de 70 proxectos en marcha. Cando chegamos ó goberno, no Urban non estaba executado nin o 30% en oito anos e en dous anos escasos temos a execución do 100%. Eso significa ruido, ter que acelerar o máis posible porque os prazos son os que hai. O mesmo pasa nos fondos anticrise, nos que as obras teñen que estar rematadas o 31 de decembro. Eso implica que vai haber moitas zonas da cidade levantadas e a xente vai notar a incomodidade e eso crea malestar pero é algo temporal.

Algunhas obras, como a de Bedoya, manteñen a polémica. Por que?

As obras de Bedoya e Paz Nóvoa recibiron unha subvención da Xunta que nos obrigaba, por prazos, a executalas no periodo que se fixo. O que ocurriu foi que nun momento determinado nós tiñamos que decidir ir a unha adxudicación por un procedemento de urxencia porque se non poderiamos perder unha subvención dun millón de euros. Antes deso, eu persoalmente pedín o parecer tanto do interventor municipal como da asesoría xurídica e nese sentido, eran coñecedores desa situación e eles mesmos foron os que deron esa posibilidade para non perder esta subvención. Esto require uns trámites determinados pero a miña decisión e a da xunta de goberno era non perder a subvención. O informe do interventor fai agora uns reparos que están salvados por un decreto da alcaldía para asumir a responsabilidade por parte do Concello con respecto a estas empresas. A pregunta do millón é: non facemos a adxudicación e a cidade perde un millón de euros e a posibilidade de humanizar espazos tan emblemáticos como Paz Nóvoa ou a rúa Bedo ya? Creo que sería irresponsable pola nosa parte.

Desbloqueáronse os accesos a Carrefour. Que significa eso para a cidade?

O PP, que nos critica determinadas cuestións de procedemento administrativo, tería que recapacitar. Cando nós chegamos estaban paralizadas estas obras, que tiñan xa cinco millóns de euros depositados. Nós fixemos todo o expediente de expropiacións e adxudicamos a obra, que se está executando. A maiores, tiñamos o problema da rotonda de acceso ó CHOU e agora están a piques de rematar as obras. O que amosa é que nun periodo de tempo relativamente curto fomos quen de xestionar cuestións pendentes moi importantes para a cidade e ó mesmo tempo planificar para o futuro a humanización dos barrios. Non descartamos que cometamos erros, tanto na elección dos sitios a intervir como nalgún procedemento, pero pensamos que o nivel de xestión é importante.

Como afectará o cambio na Xunta ó futuro do transporte metropolitano?

Son optimista de que as administracións primen a relación institucional por riba doutros criterios e esto, que é unha necesidade non só para Ourense senón para toda a comarca, se poña como prioritario.


Te puede interesar