É o primeiro curso no que se vincula ó Centro Cultural da Deputación

Aumentan os alumnos na Escola de Artes e Oficios

A Escola de Artes e Oficios da Deputación incrementou o número de matriculados nun 14%, sendo 259 o total de alumnos que comezarán o curso a semana que vén. Dentro das disciplinas que ofertan, son Pintura e Debuxo para pintura (iniciación para a primeira) as que maior demanda presentan. Esta tendencia á alza é importante para o director do Centro Cultural da Deputación, Francisco González, posto que significa que o centro educativo 'segue sendo un elemento atractivo para os ourensáns '.
A pesar de que isto pode xerar 'un problema de intendencia', en palabras de González, dende a entidade móstranse 'moi satisfeitos' co índice de persoas previstas para as distintas disciplinas da Escola de Artes e Oficios. Para el, o reto consiste en 'conseguir que toda esa xente nova quede no centro educativo'.

Tal e como funciona hoxe en día, os alumnos poden matricularse nalgunha das materias as veces que queiran, polo que acaban por crearse 'vínculos de amizade que trascenden máis alá das propias clases'. A permanencia vén provocada porque, cunha estadía prolongada, os alumnos 'conseguen un perfeccionamento das súas técnicas e séntense realizados'.

En canto ó claustro de profesores, durante os próximos días realizaranse as probas para a contratación do mestre de talla en madeira. Destaca, por exemplo, a figura do pintor Manuel Vidal á fronte da disciplina de pintura.

Dende este curso, a escola queda baixo a circunscripción do Centro Cultural, despois de que o ano pasado se estreara Francisco González como director da mesma. Onte foi presentado o curso 2010/2011.

Te puede interesar