Baltar: hai que 'desligar a cuestión política' na contratación de Lage

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (PP), sinalou que é necesario 'desligar absolutamente a cuestión política' no relacionado á contratación do ex parlamentario do PSdeG José Manuel Lage Tuñas para realizar labores de asesoramento en materia de transparencia dentro da institución provincial.
Baltar respondeu así as preguntas dos xornalistas nunha conferencia de prensa esta mañá en que lle preguntaron pola controversia pola contratación de Lage Tuñas, quen criticou en diferentes ocasións a transparencia na institución.

O presidente da Deputación fixo fincapé en que 'estamos falando dunha cuestión cun contido empresarial', unha proposta que 'me limito a atender e entender que encaixa na filosofía da Deputación' e que por iso decidiu subscribir.

Aproveitou para insistir na 'aposta pola transparencia 'da Deputación, unha 'liña que ten marcada desde o inicio do mandato'.

Porén, tamén aclarou aos xornalistas que 'os funcionarios da Deputación están completamente capacitados para desenvolver calquera cuestión que lles for encomendada', mais que a Deputación 'no exercicio das súas competencias tamén está capacitada para atender e entender' proxectos empresariais 'que encaixen na súa liña'.

'Non me meto nas leas internas que pode haber noutras formacións políticas', manifestou en referencia ás peticións de socialistas de que Lage Tuñas sexa expulsado do partido.

Mais concluíu asegurando que 'toda a controversia que se está xerando nas filas socialistas fraco favor lle fai á política'.

Te puede interesar