BeatlesSon & PesqueiraÉ

photo_camera Panorámica do Universo Beatles.


Envoltos na capa do ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas, chegan até nosoutros os Beatles, a influínte banda do Pop nada en Liverpool, gran cidade portuaria inglesa berce da Revolución Industrial. Esta ampla mostra “ao redor do universo Beatles”, comisariada por Chema Ríos Torre (n. Laguna del Duero, Valladolid), galego de adopción en Compostela e A Coruña, onde exerce como xinecólogo de vocación, que participa con paixón do mundo musical co conxunto musical-show “Los Fabulosos Weekend”, que interveu como na inauguración da exposición, día no que ademais foi proxectado “The Beatles at Shea Stadium”: unha singular posta en escena tripartita para o desfrute dende un enmarque contextualizado, que tantas veces se bota a faltar noutras mostras. Dende que en 1962 quedou configurado como grupo estable, e até a súa separación oficial en 1970, “The Beatles” foron John Lennon (1940-1980), George Harrison (1943-2001), Ringo Starr (n.1940) e Paul McCartney (n.1942), sendo os textos das letras e moito da súa música daquel e deste. 

Achámonos ante unha exposición única, que reúne unha selección de obxectos especiais procedentes de distintas coleccións privadas, tanto do propio Ríos como de Xosé Manuel Baltar, presidente da Deputación, “fan” confeso, como deixa ver a foto de xuventude da exposición. Esta é a máis ampla que se ten feito até agora en España: roupa, como o kimono de Lennon en Imagine, libros, revistas, instrumentos musicais, estilográficas de luxo alusivas ou o submarino de Sargadelos, pantallas interactivas e dous proxectores... O traballo de Xosé Lois Vázquez, “Che”, loce no deseño e montaxe disposto nun mosaico ao xeito romano que adoita por veces o traballo nas miúdas teselas do afeccionado mitómano anónimo, e noutras a forma do opus sectile, de pezas máis amplas, caso dos estage que recrean portadas de albumes, “Abbey road” co paso de cebra, “Sgt. Pepper’s Lonely hearts Club band”, o da suxestión da India e o sitar, “Yellow submarine” ou “Help”.  O White Album ou The Beatles, de 1968, con funda deseñada polo artista do Pop Richard Hamilton en colaboración con McCartney non falta. E asinado!

Pesqueira. Ser

É o título da retrospectiva selecta de Manuel Pesqueira (1911-1988), coordinada por Alberto Carton, con obras nunca amosadas até agora, destacando a pintada no  anverso e reverso, a da porta ou “Marcha obreira”, 1978, entre escenas de lecer, gozo e divertimento con música, imaxes case caleidoscópicas ou con espellos, de figuras fragmentadas e caras dobres. Son obras dos anos 70 e 80 que remiten á ampla fase anterior dende os cincuenta, de estética seudo granítica, chea de cor e coa temática do mundo tradicional do rural, arredor de Lantaño, Pontevedra, onde vivía, e recreaba, caso do bar nun ár a Renoir e o Folies Bergère. O artista de Meis escribiu en “A Nosa Terra” e pertenceu ao Partido Galeguista nos anos trinta, sendo daquela que comeza a expoñer. Logo a guerra, o alistamento na Lexión e a perda do brazo dereito, e sobrepoñéndose a todo triunfa na pintura, que retoma, con exposicións en diversas partes de España e mesmo en América. A derradeira foi en 1987 na sala da Caixa na Torre de Ourense e alí a vimos naquela altura. Acaba abril e finaliza coas mostras de Pesqueira e os Beatles, no Centro Cultural da Deputación. En Ourense poñemos o ramo.

Te puede interesar