Decana da Facultade de Historia

BEATRIZ COMENDADOR: 'Debemos formar ós alumnos para que o seu futuro laboral non pase só pola docencia'

Beatriz Comendador, onte no Edificio de Ferro (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Trala xubilación de Milagros Cavada, o decanato de Historia quedou baleiro e foi Victoria Carballo-Calero quen o asumiu de xeito temporal. As eleccións de onte, ás que se presentou unha única candidatura, outorgáronlle este posto a Beatriz Comendador, por unanimidade.
Con que perspectiva afronta este cargo?
Coa de traballar e aprender moito tamén porque a miña bagaxe na universidade non é moi longa. Afróntoo como un exercicio de responsabilidade importante co centro porque penso que alguén ten que asumila. Vou ter que traballar duro, pero ganas non faltan.

Supón unha renovación para a Facultade de Historia?
Eu cheguei á facultade no ano 2005 como profesora asociada a tempo parcial. Consolidei a miña praza hai pouco máis dun ano, co cal aínda hai pouco que perdín o contacto co mundo laboral e creo é algo interesante que aportarlle a un decanato. Temos que deixar entrar un pouquiño máis a realidade porque o papel que ten hoxe unha persoa formada en Humanidades está algo desacreditado. Son dous os retos que se nos presentan. Por unha parte, formar á xente para unha variedade ampla de traballos e que non pasan só pola docencia. Por outra, exercer unha visión crítica coa situación actual de crise. Por iso, debemos abrir a facultade, que os nosos estudos non sexan unha torre de marfil, senón que entren no mundo e ser capaces de criticalo.

Quédame lidiar co que veña, porque algúns aspectos chegarán impostos e supoño tamén que algunhas cousas ás que me vou ter que enfrontar neste tempo non van ser agradables nin fáciles. Teremos que facer oposición e resistencia a recortes de todo tipo. Tamén é certo que queda traballo por facer no sentido de conseguir crear un plan de estudos efectivo. Non imos baixar a garda en ningún sentido.

Te puede interesar