OURENSE

Besteiro rexeita unha fractura no PSOE de Ourense e apoia a Barquero

"A diferenza doutros partidos, no PSdeG os candidatos son elixidos en primarias e iso é un motivo de orgullo para os socialistas galegos", apuntou o secretario dos socialistas galegos.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que o seu partido saíu "reforzado" en Ourense do proceso de primarias para a elección do candidato ás eleccións municipais do próximo mes de maio, ás que os socialistas acoden co hoxe edil do grupo de goberno José Ángel Vázquez Barquero como cabeza de lista.

Ademais, o líder dos socialistas galegos negou nos Almorzos On/Off que organiza o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a existencia dunha "fractura" no Goberno da cidade a pesar do expediente aberto aos cinco edís enfrontados ao alcalde, o socialista Agustín Fernández.

"Se houbese unha fractura no Goberno, hoxe non estarían aí. En todo caso, eu non vou cometer a torpeza de discutir publicamente unha cuestión interna relacionada cos dereitos e deberes dos militantes. Para iso hai uns expedientes que se tramitan no partido coa súa posterior resolución", sinalou Besteiro.

Neste encontro con xornalistas en Ourense, o líder do PSdeG eludiu todas as preguntas relacionadas con este asunto porque, segundo explicou, "é unha cuestión estritamente interna e aínda é un expediente vivo, polo que calquera valoración miña sería prexulgar, o que nunca se debe facer en política".

"Sería pouco prudente e inadecuado facer unha valoración persoal sobre esta cuestión", insistiu Besteiro, quen tamén lembrou que o expediente aberto aos cinco edís non inflúe "de ningunha maneira" no proceso electoral do próximo 24 de maio.

O desacordo vivido entre os socialistas da corporación ourensá, que gobernan en minoría, comezou en decembro de 2013 cando cinco concelleiros do PSdeG abandonaron unha sesión plenaria para non votaren un punto da orde do día por discrepancias co resto de compañeiros.

Días despois, o rexedor retirou a dedicación exclusiva e todas as súas competencias a un dos edís, Antonio Rodríguez Penín, por perda de confianza na súa xestión.

O secretario xeral dos socialistas galegos manifestou ademais que el non pode resolver o expediente aberto e mostrou respecto pola decisión dos edís expedientados de acudiren á Xustiza.

"A min non me parece mal que se acuda a outras vías, cadaquén verá. Nin tampouco me podo enfadar por iso, téñoo que asumir con total tolerancia porque é un dereito de todos os cidadáns", reiterou.

Besteiro confirmou que nesta tarde asistirá á presentación da candidatura de José Ángel Vázquez Barquero á alcaldía de Ourense, un candidato que, como lembrou, saíu elixido "maioritariamente" pola agrupación local e veo con opcións de gañar "fronte á dereita" que representa, na súa opinión, o Partido Popular.

"A diferenza doutros partidos, no PSdeG os candidatos son elixidos en primarias e iso é un motivo de orgullo para os socialistas galegos. Persoalmente non fago especulacións sobre a configuración das listas, mais a aposta por un candidato establece unha confianza na súa proposta", matizou.

Besteiro recoñeceu que o "gran reto" do seu partido é conectar coa cidadanía para evitar a continuidade do PP á fronte dos gobernos municipais e das deputacións.

"Os cidadáns van ter dúas opcións: ou votar no Partido Popular, ou o que é o mesmo, na dereita, ou votar nun goberno progresista encabezado polo Partido Socialista. Esa é a elección que van ter que tomar, se queren máis PP ou queren políticas de cambio e progresistas", subliñou.

Finalmente, o líder do PSdeG comentou que o seu partido está "en disposición" de ter uns "mellores" resultados en Galicia que nas eleccións municipais de 2011, con opcións de recuperar a Deputación da Coruña e gañar ao PP a de Pontevedra.

Te puede interesar