O centro ribadaviense únese así a máis de 70 centros de toda España

A biblioteca do Etnolóxico liberará libros nas rúas

Unha muller deposita un libro nas Burgas de Ourense o pasado ano.
A Biblioteca do Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense) únese o día 23 de abril, Día Internacional do Libro, a máis de 70 bibliotecas de museos de toda España nunha actividade conxunta de bookcrossing liberando 3.000 libros en espazos públicos. O obxectivo é que as persoas que encontren estes libros os liberen de novo -despois de desfrutar deles- en calquera parte do mundo para que outras persoas volvan a gozar deses libros; as bibliotecas dos museos contribúen así a fomentar a lectura e buscan tamén mellorar a súa visibilidade cara aos usuarios.
O establecemento ribadaviense liberará arredor de 20 libros das publicacións propias, duplicados e doazóns que fan particulares para esta acción.

Como novidade, este ano establécese unha colaboración con profesoras da Universidade de Vigo do Campus de Ourense para implicar ao estudantado universitario na liberación dos libros; cunha charla nas aulas darase a coñecer o movemento bookcrossing e explicarase que o interesante desta actividade é seguir o percorrido do libro polo mundo.

Todolos libros liberados estarán acreditados coas etiquetas, conterán as instrucións para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar.


ZONA DE LIBERACIÓN

O éxito da liberación do ano pasado fixo que se incluira nas salas de exposición do Museo unha zona oficial de liberación de libros, co que durante todo o ano as persoas que visitan o Museo poden unirse a este movemento de captura e liberación de libros.

No blogue da Biblioteca do Museo hai máis información sobre a liberación do ano 2012.

Te puede interesar