O BNG pide á Xunta que "actúe" ante a modificación orzamentaria "ilegal" do Concello de Ourense

photo_camera Iago Tabarés.
O portavoz nacionalista de Institucional e Xustiza na Cámara, Iago Tabarés, asegurou que é “ilegal e contraria a ordenamento xurídico”

O BNG instou á Xunta no Parlamento galego a que, no exercicio das súas competencias, exercite as accións que procedan, incluídas as de carácter xudicial, a fin de restablecer a legalidade infrinxida polo Concello de Ourense coa modificación orzamentaria  2P/2021, publicada no BOP de 11 de agosto de 2021.

O portavoz nacionalista de Institucional e Xustiza na Cámara, Iago Tabarés, asegurou que a denominada polo propio alcalde ourensán como “mega modificación” é “ilegal e contraria a ordenamento xurídico”, logo de explicar que foi outorgada ao non presentarse unha moción de censura no prazo dun mes, despois de que a alcaldía vinculase a súa aprobación a unha cuestión de confianza despois de ser rexeitada previamente en pleno municipal.

“Obviando non só a doutrina do Tribunal Supremo, senón os seus propios acordos, a alcaldía e o grupo de goberno deciden dar por definitivamente aprobada a modificación orzamentaria e comezar a derrochar os recursos públicos”, reprobou, para a continuación cualificar este comportamento de “extraordinaria gravidade”.

“Vai contra a esencia do sistema democrático, utiliza un mecanismo como é a cuestión de confianza para evitar unha situación de bloqueo, que non é o caso, e aproba un orzamento sen posibilidade de presentación de emendas e impedindo a presentación de alegacións por parte das persoas interesadas, vulnerando a legalidade e o sentido común máis elemental”, resumiu Tabarés.

Te puede interesar