Cando ignoramos os códigos

Petróglifos da área arqueolóxica de Tourón.
photo_camera Petróglifos da área arqueolóxica de Tourón.

Os estudos da Prehistoria sempre deixan unha sensación agridoce. A parte positiva é o avance das técnicas, moitas veces procedentes de disciplinas científicas aparentemente alleas á Historia, caso da Química, a Xeoloxía, a Antropoloxía Forense ou a Paleobotánica, por citar as que utilizamos habitualmente. E son alleas só aparentemente, porque servímonos delas nas investigacións para chegar aos nosos fines, reconstruír na medida do posible acontecementos e procesos sociais do pasado, ás veces moi remoto. Tanto que, sen ir máis lonxe, na nosa provincia case podemos acreditar a presencia humana hai uns trescentos ou catrocentos mil anos. Pero as investigacións sobre a presenza dos primeiros antepasados dos humanos noutras zonas do planeta, pode superar os catro millóns de anos, co descubrimento do “Ardipithecus ramidus”. Os aspectos positivos que lles dicía, derivan da posibilidade de recrear feitos e procesos do pasado cunha precisión inimaxinable hai décadas. As técnicas facilitan tarefas esenciais, como a localización de xacementos, as súas datacións con acerto, ou reconstrución das paisaxes daquelas épocas, entre outros datos esenciais para nós. Pero polo momento se nos escapa outro tipo de información, que principalmente ten que ver coas mentalidades e crenzas daquelas xentes, pese a aplicación dos métodos que proveñen da Antropoloxía e da Etnoloxía. 

Cando era profesor asociado de Prehistoria na Universidade de Vigo, atopaba serias dificultades para explicarlles aos alumnos o significado das representacións artísticas que aparecen nos xacementos arqueolóxicos. Lembro o caso dos petróglifos, os magníficos gravados rupestres que comezan a adornar numerosas rochas dende, aproximadamente, os inicios da Idade do Cobre. Explicáballes cando comezaron a gravar os penedos, os tipos de debuxos que representaron, ou como se distribuían polo territorio. Pero as dificultades chegaron cando me preguntaban que significaban, especialmente as representacións máis abstractas ou esquemáticas, como os circos concéntricos, as espirais ou as agrupacións de “coviñas”. Debo recoñecer que, polo momento, estamos ante unha barreira infranqueable, fundamentalmente porque descoñecemos os códigos, as claves que guiaron a elaboración desas representacións. 

A nosa formación e educación está fondamente impregnada pola cultura xudeocristiá. Levamos case dous milenios producindo e observando creacións artísticas, con acontecementos relixiosos que coñecemos perfectamente, porque forman parte do noso universo, non só das crenzas, se non da transmisión cultural. Imaxinen as escenas do Edén, da Natividade, ou da Pasión. Pero voulles poñer outro exemplo. Imaxinen por un momento que descoñecen todo sobre o cristianismo. Non é fácil, pero fagan un esforzo. Entón investigando, atopan unha pintura coa representación que lles describo a continuación: aparecen dúas persoas; unha, de avanzada idade, pelo e barba branca, e aspecto bondadoso. Na cabeza, a modo de adorno, ten un triángulo en cuxo interior se adiviña a forma dun ollo. O venerable ancián porta ademais unha bola do mundo. Ao seu lado está outro home, moito máis novo. É fraco, e ten aspecto de que foi maltratado, porque mostra numerosas feridas. Cunha man, suxeita unha cruz de madeira. O máis sorprendente é que, sobre os dous, voa unha pomba... botando raios sobre eles! Efectivamente, vostedes rapidamente adiviñaron que é unha representación da “Santísima Trindade”. Pero só porque teñen os significados, os códigos que lle proporcionou a súa formación cristiá. Sen eles, nunca a interpretarían correctamente. Desafortunadamente descoñecemos a maioría dos códigos que rexeron as producións artísticas naqueles tempos prehistóricos.

Te puede interesar