A quinta edición do certame contará con 14 compañías de seis países

Carmen Machi, a estrela do Festival de Teatro 2012

Actuación de rúa do grupo esloveno Ljud na edición do Festival do ano pasado. (Foto: JOSÉ PAZ)
'Cremos que o teatro non morrerá nunca'.
A directora de Sarabela, Ánxeles Cuña, pronunciaba estas palabras durante a presentación do Festival Internacional de Teatro de Ourense (Fito), que este ano cumpre a súa quinta edición ofertando de novo o mellor das artes escénicas contemporáneas. Serán un total de 14 compañías chegadas dende Galicia, Madrid, Italia, Brasil, Dinamarca, Ecuador e Francia. O telón levantarase, desta volta, o venres, día 5, e volverase pechar ata o ano que vén o sábado, día 20. Da programación salienta a participación da televisiva actriz Carmen Machi co espectáculo 'Juicio a una zorra' (xoves, día 18, no Auditorio).

Ademais das representacións teatrais, que abranguen todo tipo de xéneros dramáticos e nas que repiten vellos coñecidos do festival coma os daneses 'Granhojdans', a Fito contempla outras actividades paralelas. Como é tradición, o Campus Universitario acollerá o curso 'O actor no solo narrativo', impartido por Julio Adrião.

Nas preto de dúas semanas que dura este ano o certame -alongado para que os espectadores poidan acudir a tódalas propostas-, é destacada a presencia do músico João Afonso, que formará parte, xunto con outros artistas, do cartel de 'Estou lá', un concerto dedicado ás músicas da lusofonía.

A presentación da quinta edición correu a cargo da propia Cuña, a alcaldesa en funcións da cidade, Marga Martín; a vicerreitora do Campus, María Lameiras; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero.

O Fito conta este ano un orzamento aproximado de 120.000 euros, lixeiramente inferior ó de anteriores edicións, en parte pola falla de financiación da Deputación Provincial, que antes colaboraba con entre 20.000 e 30.000 euros e que agora só cede o Teatro Principal para as representacións. Manteñen a liña de aportacións, sen embargo, o Campus, con 3.500 euros, e Agadic, con 20.000, así coma o Instituto Nacional de Artes Escénicas, con 7.000 euros.

Con todo, Ánxeles Cuña quixo agradecer o esforzo do Concello, 'decisivo' nos últimos anos a través do departamento de Cultura. A directora do festival insistiu en que 'non renunciamos á calidade' aínda que 'tivemos que ir cara espectáculos máis accesibles'.

Te puede interesar