Isaac Alonso Estraviz, profesor e escritor

'Para coñecer ó Grupo Nós é bo ler as cartas de Santos Júnior'

Isaac Alonso, en la imagen. (Foto: LR.)
O profesor Isaac Alonso Estraviz presentou no Museo Municipal o seu novo libro, 'Epistolário. Santos Júnior e os intelectuais galegos', que recolle información sobre o profesor portugués Joaquim Rodrigues Santos Júnior.
Cal era a relación entre Santos Júnior e os intelectuais galegos?
O primeiro galego en ter relación con el foi López Cuevillas no ano 1931. Despois entrou en contacto con Xaquín Lorenzo Xocas, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Beh-Cho-Shey e toda unha serie de persoas, tanto de Ourense coma do resto de Galicia. De Cuevillas consérvanse 223 cartas, aínda que faltan as que Santos Júnior lle enviou, porque normalmente destruía a súa correspondencia.

E que temas falaba con todos eles nas cartas?
Sobre todo, asuntos de tipo cultural. Falan moito de arqueoloxía. Santos Júnior dedicábase a escavar e estivo incluso en castros coma o de San Cibrao de Las. Traballaba tamén coas lendas, tradicións e, en definitiva, todo o que rodeaba a cultura popular.

Con cal dos intelectuais galegos mantiña maior contacto?
O de Cuevillas é o epistolario máis completo. Santos Júnior foi membro do Seminario de Estudos Galegos, que despois axudou a refundar como Instituto Padre Sarmiento. Pertenceu á Real Academia Galega como membro honorario e foi Pedrón de Ouro. Sen dúbida, foi o intelectual portugués que percorreu máis vilas e pobos da provincia de Ourense.

Entón, foi forte a súa influencia nos galegos?
Si que foi. Ademais de abrirlle camiño á intelectualidade, tamén o facía cos estudantes. De feito, tanto Xocas coma ó seu irmán escribiron varios artigos para el.

Como foi o proceso de recompilación que seguiu?
A miña descuberta do profesor foi casual. Unha vez estaba cun grupo de galegos en Torre de Moncorvo e fomos visitar a biblioteca. Alí había as primeiras edicións de moitos libros galegos, incluso unha de Mittleuropa, de Vicente Risco, ademais de carpetas con cartas. Foi en maio do 2009 e, dende entón, comecei a pasar por alí para solicitar fotocopias das que me interesaban. Este libro tiña pensado terminalo nun ano pero no medio traballei no diccionario Estraviz, que está dispoñible en internet. Houbo algunhas cousas que non conseguín e que me dá moita pena, como a correspondencia de Bouza Brey.

Cal é a forza das cartas persoais para coñecer a historia dun personaxe?
É algo do que non se pode prescindir. Para coñecer á Xeración Nós a fondo, hai que ler as cartas que cambiaron con Santos Júnior.n

Te puede interesar