A cultura lembra a Blanco Amor, o autor que “inmortalizou Auria”

Un momento da homenaxe a Eduardo Blanco Amor, en San Francisco.
photo_camera Un momento da homenaxe a Eduardo Blanco Amor, en San Francisco.

O camposanto de San Francisco acolleu a homenaxe a Blanco Amor

O cemiterio de San Francisco repetiu, como cada 1 de decembro, un dos grandes actos que se levan a cabo neste camposanto, onde repousan os restos de ducias de intelectuais ourensáns. É o caso de Eduardo Blanco Amor. O autor de “A Esmorga” é homenaxeado cada 1 de decembro, data na que se cumpre o aniversario do seu pasamento. Hai 44 anos que o escritor faleceu, deixando un baleiro naquela Auria literaria. Autoridades, xente da cultura, amigos e escolares realizaron onte a tradicional ofrenda floral fronte a tumba de Blanco Amor. 

A Deputación de Ourense sumouse a esta conmemoración coa participación do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, quen destacou na súa intervención a “relación indisoluble entre o autor que inmortalizou Auria e a Deputación de Ourense”. Con todo, os verdadeiros protagonistas son os escolares do IES Eduardo Blanco Amor, antes coñecido como IES de A Ponte, que sempre participan na ofrenda floral coa lectura de poemas. Hai que lembrar que a profesora María do Carmo Henríquez Salido foi quen impulsou a petición de poñerlle ao instituto o nome do intelectual ourensán. Henríquez Salido é parte fundamental da tradicional homenaxe, igual que a Fundación Eduardo Blanco Amor, que naceu para preservar o legado do escritor.

Onte tamén estaba previsto que se entregara o premio de novela longa Eduardo Blanco Amor á xornalista Sara Vila. Porén, pola apretada axenda das autoridades culturais, o acto non se celebrou.

Te puede interesar