Deputación de Ourense e CEG analizan estratexias para a reactivación económica na pospandemia

photo_camera Nóvoa, Baltar y Vieites, durante a xuntanza. (JOSÉ PAZ)
Termalismo, turismo, agroindustria e mellora de infraestruturas e servizos son algúns dos eixos que valoran para impulsar a competitividade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reunise hoxe no Pazo Provincial co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, acompañado da presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, con quen analizou estratexias para a reactivación económica cara á etapa de pospandemia. Termalismo, turismo, agroindustria e mellora de infraestruturas e servizos son algúns dos eixos que valoraron para impulsar a competitividade, xunto con iniciativas que xa vén desenvolvendo a Deputación de Ourense como as liñas de apoio a autónomos e comerciantes, coa colaboración da CEO. 

Baltar agradeceu “a perfecta sintonía” e a “confluencia de intereses comúns entre Deputación de Ourense e CEG para levar a cabo proxectos que redunden en beneficios sociais e económicos para Ourense”, mentres que Juan Manuel Vieites puxo en valor a alianza co goberno provincial ourensán para levar a cabo “unha planificación estratéxica que aborde o desenvolvemento industrial e retos como dixitalización, envellecemento activo, incremento da produtividade ou reindustrialización”. 

O presidente do goberno provincial felicitou a Vieites por este tempo que leva á fronte da patronal galega “dotándoa de estabilidade, rigor e prestixio, sendo ademais un colaborador da Deputación de Ourense en proxectos estratéxicos como o Centro Galego de Innovación da FP, avaliando que se chegara ao acordo que fai posible que, coa Xunta de Galicia, poñamos en marcha esa infraestrutura de vangarda na formación en Galicia e no norte de Portugal”. Manuel Baltar lembrou tamén, nesta liña de cooperación, que a CEO “estivo desde o minuto un no Comité do Día Despois para afrontar a recuperación económica e social”, e destacou que na reunión de hoxe se falou de novos proxectos e alianzas cara aos vindeiros meses en sectores clave como o termalismo ou o turismo nunha provincia como a de Ourense, que ocupa a capitalidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. 

Baltar cualificou a José Manuel Vieites como “experto coñecedor do territorio ourensán” e reafirmou a “máxima colaboración” por parte do goberno provincial coa CEG. 

Recuperación económica 

Pola súa banda, Vieites trasladoulle ao presidente Baltar as propostas da patronal ao redor da recuperación económica, e apelou ás necesidades dos sectores de maior importancia para a provincia, como a construción “para o desenvolvemento do cal son precisas medidas que promovan e reforcen o papel do sector como xerador de emprego e riqueza, impulsando a rehabilitación, axilizando a tramitación das licenzas administrativas, impulsando a renovación e rehabilitación nos edificios e dinamizando a obra pública a prezos de mercado”. Tamén abordou a industria da pedra natural –fundamental en Valdeorras-, da que dixo “debe ser apoiada e promovida tanto na súa modernización e potenciación como na súa promoción e comercialización”. 

Tras visitar o Pazo Provincial, Juan Manuel Vieites, que acudiu esta mañá por primeira vez á Confederación Empresarial de Ourense desde que fose elixido presidente, mantivo un encontro cos membros da súa Xunta Directiva co fin de tratar temas de interese para o colectivo empresarial, así como as distintas xestións e accións que a CEG está a levar a cabo no seu papel intermediario cos poderes públicos. Igualmente, os empresarios abordaron co presidente da patronal galega temas de interese para a provincia, así como de ámbito galego, co fin de pulsar a situación actual dos mesmos.  

Te puede interesar