O Museo Arqueolóxico de Ourense anticipou a xornada festiva destes espazos culturais cunha visita guiada ó laboratorio de restauración, en Santa María de Europa, mentres ve marchar a primeira década fóra da Praza Maior.

Día dos Museos, sen museo

Un dos libros para restaurar no laboratorio.  (Foto: FOTOS: MARTIÑO PINAL)
Pasan os anos e, con eles, o Día Internacional dos Museos, que en 2012 supuxo unha festa cultural en 129 países e 32.000 centros do mundo. Como tradición que é, a xornada adoita centrarse nun tema concreto dentro da ampla variedade que permite a actividade museística. O desta ocasión é 'Museos (memoria+creatividade= progreso social). Será o sábado, día 18, pero en Ourense xa se deixou sentir onte porque, aínda que relativamente lonxe da súa casa, o Museo Arqueolóxico Provincial nunca falta a esta cita, que iniciou cunha visita guiada ó laboratorio de restauración.
Igual que pasan os anos para o Día dos Museos, tamén pasan para o contedor da arqueoloxía ourensá, que xa leva 11 fóra da Praza Maior, viaxando entre Santa María de Europa e San Francisco. A situación, prevista para dous anos, superou xa a década e non por gusto. De feito, son moitas as voces da cultura, a política e a sociedade que teñen manifestado o 'lamentable' dun peche que semella non ter fin.

Son as palabras da decana da Facultade de Historia, Beatriz Comendador, que, dende as aulas do Campus, asiste a unha 'encomiable labor de difusión' a pesar da tristeza que lle provoca que 'o patrimonio estea oculto', sobre todo cando non se vislumbran 'visos de solución' porque 'un dos labores dun museo é a difusión', precisa. Dende unha perspectiva académica, Comendador lembra que 'temos convenio de cooperación educativa', hoxe centrado no traballo de documentación, pero 'se estivese funcionando poderiamos amplialo a outros niveis'.

A finais de xaneiro, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, aseguraba que, 11 anos despois, o proxecto museístico tiña que 'comezar de cero' e que eran necesarios 20 millóns de euros para poñelo en marcha. Dende entón non se volveu falar do asunto en termos oficiais, pero a deputada socialista Laura Seara insistía onte mesmo en que 'claro que quedou un proxecto' do anterior Goberno e hoxe é 'fundamental que o museo abra canto antes' porque a situación converteuse en 'improrrogable'. Dende as filas populares, a tamén deputada Ana Belén Vázquez puntualizou que a 'aposta pola cultura é grande' dende o Executivo actual. Mostra diso é que se 'reanudaron as obras de San Francisco, algo prioritario' para Ourense, se ben visitará o Museo Arqueolóxico para 'analizar a situación e avaliar o acontecido'.

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, é máis crítico ó considerar que o peche do coñecido como Pazo do Bispo 'demostra que o PP non ten a cabeza nin o corazón en Ourense' porque un edificio tan importante coma este 'non pode traspasar a barreira dunha década sen solución'.

Te puede interesar