PREMIOS MESTRE MATEO

"O Corno" e "Matria" triunfan nuns Mestre Mateo con pouco sabor a Ourense

Premios Mestre Mateo
photo_camera Premios Mestre Mateo
Alba Prol (Maceda) e Raúl García (Celanova), codirectores de "O Gran Camiño" xunta Jairo Iglesias, única representación ourensá no palmarés dos XXII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual celebro este sábado a gala de entrega dos XXII Premios Mestre Mateo na Coruña. Un total de seis profesionais ourensáns -aos que hai que sumar a serie Motel Valkyrias, rodada en Ourense- aspiraban a facerse cun galardón este ano. Das seis estatuíñas con candidatura da provincia, só unha -compartida por Alba Prol e Raúl García- vén a terras ourensás.

Directo

0:54 | E despedímonos! Foi un pracer relatarlles esta gala na que Ourense tan só conseguiu unha estatuíña da man de Alba Prol e Raúl García, codirectores de "O Gran Camiño, grandes rutas a pé do mundo". O resto de finalistas ourensáns marchan coas mans baleiras. A gran gañadora foi "O Corno" con sete premios, un deles o de mellor película. Tamén fixo boa colleita "Matria" con cinco galardóns. Pola nosa parte, isto é todo. Saúdos!

0:51 | Mellor longametraxe: O Corno, gran triunfadora desta edición dos Mestre Mateo. Sube todo o equipo que acudiu á gala ao escenario.

0:46 | Mellor serie: Rapa. Con esta categoría rematan as posibilidades dos ourensáns nesta gala.

0:43 | Mellor programa: Cos pés na terra.

0:37 | Mellor documental: Os espazos en branco, sobre a poeta Xela Arias.

0:35 | Último bloque de premios. A gala, ao final, acabou frenando o ritmo rápido co que comezou.

0:32 | Peliqueiros no Coliseum durante unha actuación de Fillas de Casandra, que levan dous grandes bombos tamén como referencia aos folións. Chisco ao Entroido ourensán nos Mestre Mateo.

0:22 | A propósito d' "O Corno": Dacón, en Maside, era todo un centro de comercio do fungo sobre o que xira a historia do filme.

0:20 | María Vázquez, mellor interpretación feminina protagonista por "Matria". "Este premio, na casa, sempre é o mellor premio do mundo", exclama eufórica: "Esta película foi unha viaxe".

0:17 | Mellor dirección: Jaione Camborda por O Corno. "Hoxe quería acordarme de todos eses nenos e nenas de Gaza que se enfrentan ao horror e á barbarie humana e asisten ao silencio e a complicidade de occidente", di no seu discurso.

0:14 | Mellor dirección de arte: Melania Freire (O Corno). O filme de Camborda comeza a atesourar xa bastantes estatuíñas.

0:11 | Mellor curtametraxe: O Coidado, dirixido por Miguel Canalejo, quen hai apenas un minuto bromeaba co seu nomeamento. "Pertenzo a un colectivo, o colectivo LGBT, ao que sempre se nos pediu que non se nos notase tanto. Sexamos moi ruidosas, esteamos presentes".

0:06 | Momento de homenaxe aos profesionais dos sectores audiovisual e da comunicación que faleceron este ano coa música de Fillas de Casandra.

0:05 | Tamar Novas gaña o Mestre Mateo á mellor interpretación masculina protagonista por "Salta!".

0:03 | Xa pasamos da medianoite e aínda quedan por entregar os pratos fortes da velada...

23:59 | Mellor videoclip: Oliveira dos Cen Anos, de CTangana. Suben recollelo cunha camisola do Celta. "É un poema para todos, sexas celtista ou non", agradecen os representantes que recollen o galardón. Destacan que a produción foi moi complexa e que a escolla de CTangana para facer o himno foi "unha teima persoal" do anterior presidente do Celta, Carlos Mouriño.

23:56 | Mellor son: Sergio Silva e David Machado (O Corno).

23:54 | Mellor dirección de fotografía: Lucía C. Pan (Matria). De momento, os filmes máis galardonados son este e "O Corno", empatados a tres estatuíñas. Perfílanse como os máis triunfadores da noite, salvo sorpresa.

23:52 | Todo o Coliseum ponse en pé para dar un sonoro aplauso a Eva Veiga. Homenaxe moi emocionante.

23:49 | A histórica presentadora rememora cando se viu obrigada a abandonar a televisión por mor dunha leucemia: "Se estou aquí é grazas aos profesionais da saúde, e polo meu doante de medula. Emocióname que estea aquí". Fai un chamamento a doar medula.

23:47 | Veiga expresa o seu "fondo agradecemento" polo premio, que comparte "de corazón" con "todos os compañeiros e as compañeiras, os que están e os que non".

23:45 | Gayoso entrega o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual a Eva Veiga, figura emblemática dos comezos da TVG.

23:44 | Moi emotivo discurso de Gayoso. Lembra os comezos da TVG nos anos 80 e aos catro compañeiros que, xunta el, formaban o quinteto das primeiras caras visibles da televisión autonómica.

23:41 | Aparición estelar de Xosé Ramón Gayoso, que recibe unha enorme ovación!

23:39 | Fala o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, que destaca "a defensa dos servizos públicos e na nosa lingua", entre outros, e amosa o apoio "aos compañeiros da Comunitat Valenciana" ante a persecución cultural que sofren dende as institucións públicas.

De feito, toma a palabra a súa homónima valenciá, Teresa Cebrián: "Todo logro ten reversión se non se coida", di antes de denunciar que as "cancelacións, censura, ninguneo de manifestacións culturais, ameazan proxectos clave".

Dende a consellería de Cultura, que en Valencia está en mans de Vox, "non tardaron en retirar a axuda pública á nosa Academia, dando as costas ao sector audiovisual valencián". Recibe un forte aplauso o seu discurso.

23:32 | Moi boa acollida ás actuacións. Está sendo unha gala moi colorida e con moito ritmo, en velocidade e no aspecto musical.

23:28 | Volven Fillas de Casandra, con Mondra, ao escenario do Coliseum con "Punheta!".

22:25 | Mellor comunicadora: Lucía Veiga (Malicia Noticias). Outro premio que pasa de longo por Ourense, xa que estaba nomeado Simone Saibene (Cinephilia). "Como broma está moi ben, bastante mellor que algún dos nosos guións", di Veiga emocionada e con retranca ao recoller o premio.

23:19 | A gala de premios está sendo moi veloz. Mellor dirección de producción: Nati Juncal (Matria). Está lendo os agradecementos polo móbil mentres lle escriben as amigas! E segue falando: "Ao mellor non volvo subir aquí", bromea antes de amosar o seu apoio a Gaza.

23:18 | Mellor montaxe: Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias (Rapa).

23:17 | Jaione Camborda, directora de "O Corno", leva o premio a mellor guión! Amósase agradecida á comunidade do audiovisual galego.

23:00 | Lidia Veiga reivindica o papel das mulleres no sector: "Cantas máis mulleres detrás das cámaras, mellor". E engade: "Acabouse, señores", sobre as recentes denuncias sobre violencia ás mulleres no sector. Momento tamén para reivindicar as dobradoras e o colectivo LGBT, ata que entra Atilano para "cortar o rollo". Parón na gala!

22:53 | Mellor interpretación feminina de reparto: Susana Sampedro (Matria).

22:51 | Mellor realización: Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias (O Gran Camiño, grandes rutas a pé do mundo) Prol (Maceda) e García (Celanova) son de Ourense!

"Quería dedicar este premio a todo o equipo", di Alba Prol, que reivindicou a sanidade pública. Garcíá, por outra banda, dedicouno a todos os que "loitades para traballar no audiovisual", sendo unha produtora pequena de "pico e pala".

22:45 | Mellor curtametraxe de animación: "To bird or not to bird". Pois de momento, nada para Ourense aínda. Era finalista "Illa cordura", do carballiñés Mario Fernández Filloy. Agora toca o de mellor realización, con moita presenza ourensá.

22:41 | Mellor serie web: "A arte de ser (mal) pai".

22:36 | Mellor vestiario: Uxía Vaella (O Corno).  E saca unha longa lista de agradecementos. "Estou enrollándome porque algún mo pediu para que saíse". Ollo, que están tentando á sorte.

22:31 | Segue o primeiro bloque de premios, con bastante axilidade. Mellor anuncio publicitario: "Chama á miña neta".

22:28 | Mellor música orixinal: Xavi Font (Rapa).

22:25 | Mellor maquillaxe e perruquería: Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira (O Corno).

22:23 | Comeza a entrega de premios. Mellor interpretación masculina de reparto: Santi Prego (Matria).

22:21 | Ollo á novidade deste ano. Se os premiados pasan do minuto e medio que teñen para dar o seu discurso, Atilano, o esqueleto do Supermartes, interromperaos.

22:13 | Isto arrinca! Comeza a gala coa música de Fillas de Casandra, que cantan "Tataravoa" a golpe de electrónica, tradición e entre os aplausos do público. Saen ao escenario Lidia Veiga e Miguel Canalejo, que presentan esta gala dirixida por unha ourensá, Noemí Rodríguez.

21:49 | Boa noite! Todo preparado xa no Coliseum da Coruña para que comece a gala dos XXII Premios Mestre Mateo. Por diante temos unha longa noite na que iremos revelando, aquí en directo, os galardonados desta edición na que seis profesionais ourensáns aspiran a facerse cunha estatuíña. As bancadas e a platea do recinto están practicamente a rebosar.

Nomeados

Un máximo de seis estatuíñas poden acabar tendo firma ourensá. Quen máis nomeamentos ten é o condutor do espazo Cinephilia, de Telemiño: Simone Saibene. Repite como finalista nesta edición e opta a levar os Mestre Mateo a mellor programa, mellor realización e mellor comunicador.

A gala comezará arredor das dez da noite e poderán seguila en directo en La Región, onde lles iremos contando en directo os premiados e, máis especialmente, que ourensáns regresarán da Coruña coa coroa de laurel.

Te puede interesar