ENTREVISTA

Emilio Cuñas: "O turismo de benestar e termal xa non é só de tratar doenzas, aposta polo estilo de vida"

emilioooo
photo_camera Emilio Cuíñas, empresario ourensán.

O xeógrafo Emilio Cuíñas  (Francelos, Ribadavia, 1978) é un emprendedor do sector  turístico

Co seu socio José Barros, experto en transformación dixital, fundou a empresa de consultoría Autoxiro en 2015. Adícanse a ofrecer solucións a compañías e destinos turísticos que precisan reorientarse e evolucionar de maneira sostible. Ten participado en proxectos relacionados con lugares turísticos da provincia e transfronteirizos, pero tamén cruzou ou Atlántico para impartir formacións de calidade en destinos vinculados a Termatalia. Grazas á internacionalización da Feria Internacional de Turismo Termal, que se celebra entre o 17 e 21 de setembro en Expourense, Cuíñas impartiu unha formación en Costa Rica. No marco do proxecto de capacitación promovido pola Asociación Costarricense de Turismo de Bienestar, Cuíñas presentou o proxecto de Termatalia en Arenal, o destino de referencia no turismo de benestar en Costa Rica.

Termatalia posibilita oportunidades coma esta?

Si, fumos contratados pola Asociación Costarricense de Turismo e Benestar grazas a que tiñamos contacto por Termatalia. Xa coincidíramos en México, Ourense e Brasil. Vaise facendo networking e hai moitas posibilidades de conexión con América Latina. A labor de Termatalia é importante porque é un punto de encontro con estes proxectos.

Como nace Autoxiro?

É unha consultora orientada á asesoría de destinos turísticos e empresas. Créanse estratexias para destinos turísticos. Intentamos aunar a miña experiencia do mundo da xestión de destinos coa do meu socio, que ven do mundo de Internet e das telecomunicacións

Cales son as novas tendencias en turismo termal?

Vese na comparación con Costa Rica. O seu modelo é de turismo termal lúdico. En Ourense vimos da traxectoria do balneario, de orientación médica e terapéutica. En Ourense a tendencia é que conflúan esas dúas cousas, que haxa diferentes balnearios. Que as termas e As Burgas ofrezan servizos máis diferenciados. O benestar non é só tratamento de enfermidades, senón un estilo de vida. Apóstase polo tema de deporte, saúde, alimentación... Cada vez somos máis fit. Os balnearios e o benestar únense ao concepto de masaxes, ioga. Antes era algo exótico e agora forma parte do noso día a día. A tendencia vai nesa transformación.

Os paquetes turísticos quedan desfasados ou seguen sendo tendencia?

Cada vez a forma de viaxar é máis diversa. Depende do tipo de destino. No turismo vacacional, aquí en España aínda teñen un papel importante os paquetes vacacionais. As tecnoloxías influén moito neste tipo de iniciativas.

Que outros proxectos relacionados co termalismo realizan dende Autoxiro?

Estamos colaborando en Expourense con Termatalia, hai un proxecto de termalismo médico. Tamén o proxecto europeo termal que une os destinos de Cortegada, Entrimo, Lobios e Bande con outros concellos de Portugal.

Te puede interesar