Enrique Nóvoa López:: ‘Nunca se me pasou pola cabeza ser o sucesor de Baltar á fronte do partido na provincia’

O grupo municipal do PP vén de dar un salto cualitativo no seu xeito de facer oposición ó levar á Fiscalía a fallida adxudicación duns paneis informativos na cidade. Unha xudicialización da política da que o seu portavoz, Enrique Nóvoa, nunca se amosara partidario.
¿A que se debe este punto de inflexión na súa forma de facer oposición?

O noso compromiso segue firme coa sociedade de Ourense. Pola nosa experiencia de 12 anos de goberno, o noso compromiso sempre foi estar ó lado do goberno nas cousas importantes e en proxectos de futuro de cidade. Desde o principio, trouxemos propostas en positivo ó pleno, nalgún caso saen adiante por unanimidade e noutras as rexeitan. Polo tanto, o noso compromiso segue sendo o de traballar en positivo pola cidade, pero o que non podíamos permitir era que o equipo de goberno vira en nós simplemente bondade e excesiva prudencia porque nós tamén temos outro encargo da sociedade, que é o de controlar as actuacións do goberno. Como levaban 14 meses sen facer nada, agora que se acaba o ano venlles as presas e poñen proxectos en marcha sen rigor ningún e nós eso témolo que denunciar. Quixen botar man dos recursos que me dá a lei para non chegar a onde chegamos. O que pediamos no pleno extraordinario era esa comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas e hai que cesar un político. Neste Concello xa hai exemplos diso e, como non se fai nada, vímonos na obriga, moi a pesar noso porque foi un día moi penoso, de poñelo a disposición do fiscal.

¿Por que toman esta decisión cos paneis e non coas irregularidades que din existen nas obras de Bedoya e Paz Nóvoa?

Temos dous dictámenes dos expedientes das obras nos que hai neglixencias moi graves como para levar eso tamén ó fiscal pero as obras están xa na metade da súa construcción e nós, despois de telo denunciado politicamente e demostrado que a adxudicación que se fixo non foi amparada na lei e se perderan como mínimo 230.000 euros por adxudicar desa forma, non queremos xudicializar a política, queremos outra forma de gobernar. Non queriamos que coa nosa actuación se puidera ralentizar algunha obra cando estamos en temporada alta para os comerciantes de Bedoya e Paz Nóvoa, pero desde logo o tema segue vivo e temos moito tempo aínda de volver a ese expediente. Pero a nosa idea non é esa.

¿Que lle parece Francisco Rodríguez como alcalde?


Eu moitas veces póñome no seu sitio e sei que é un tema de moita responsabilidade e, polo tanto, o PP e eu no seu nome respectamos, primeiro ó Concello, e logo á figura do alcalde. Pero vemos nas súas actuacións que a súa palabra non valeu nada en moitos casos e que non o teñen en conta noutras administracións. Nun proxecto tan importante como o AVE, aínda non o atendeu nunca nin o presidente de Goberno nin a ministra de Fomento. Eu creo que eso é gravísimo. Ademais, el ten unha dificultade moi grande: que ten un goberno de perdedores e nese cambio de cromos que ten que facer constantemente cos seus socios de goberno, moitas veces queda en mala situación.

¿Que papel lle dá entón a Alexandre Sánchez Vidal?


El sabe que co 20% dos votos do Concello ten un poder que a democracia lle dá pero que non se merece e non fai par tícipe ó outro socio de goberno. A que vén a parafernalia da Tenencia de Alcaldía e que haxa dous establecimentos administrativos? Eso é o que os cidadáns ven mal. O que queren é un goberno serio, que intente solucionar os problemas e que se entendan os socios de goberno.

¿Como ve ó bipartito? Creo que como o ven todos os cidadáns. Como se pode entender que á inauguración que pertence ás concellerías socialistas non vaia o BNG ou viceversa? Como pode ser que cando un colectivo veciñal vén falar co alcalde, como non sexan áreas do PSOE di que non pode facer nada? Eu eso non o permitiría, para min eso non vale. El é o alcalde de todos.

Logo, ¿vostede descartaría un pacto co BNG?


O PP gañou as eleccións en Ourense, quedamos a un concelleiro da maioría absoluta. O que queremos (o PP) é que cambie a lei electoral e goberne o partido máis votado, pero entendo que temos capacidade no futuro de poder conveniar con calqueira porque respectamos a democracia.

Falando de futuro, as eleccións galegas están xa á volta da esquina. Como presidente da xunta local do partido, como preparan os comicios?

O xoves tivemos unha reunión moi importante con máis de 300 simpatizantes e militantes vencellados á área centro e detectei moita ilusión e gañas de gañar as eleccións por parte de todos. O comentario de todo o mundo é que temos un gran candidato que xa ten demostrado a gran capacidade de xestión que ten, que coñece moi ben a Administración, que está moi formado, está preparado para tomar as riendas da Xunta e nos está cargando de ilusión. A maquinaria está engrasada xa e imos dar batalla e explicar ós galegos que ten que haber un cambio de ciclo.
¿Están feitas as listas do partido en Ourense?

Ese é un tema que lle pertence á dirección do partido, á xunta electoral, supoño que a partir de agora empezará a traballar neso pero o PP sempre tivo moita sorte en facer as listas porque sempre ten mulleres e homes moi formados e preparados con gañas de dar o paso á política e que teñen experiencia. Vaia quen vaia nas listas entendo que vai ser xente moi capaz de loitar por Ourense.

¿Pensa que as listas na cidade precisan cambios?


Sempre que veñen eleccións houbo algún cambio e foron ben vistos pola sociedade, moita xente porque xa leva moitos anos, outra xente porque di que quere volver a súa vida profesional... Pero eu penso que o partido estará traballando xa neso e penso que fará un equipo de xente que está, pola súa experiencia, e supoño que tamén lle dará entrada a xente nova porque é importante que xente nova entre con responsabilidades de goberno.

¿Descarta ir vostede nesas listas?


Eu estou a disposición do partido para que faga comigo politicamente o que queira pero dende logo a min o único que me ilusiona e teño en mente é ser alcalde desta fermosa cidade. Non lle gustaría ser deputado en Santiago? Desde logo non me plantexo iso pero se o partido pensa que eu podo aportar algo indo nas listas, encantado da vida. Estou a disposición do partido.

¿Vese como sucesor de Baltar á fronte do PP provincial?


Eso si que non se me pasou nunca pola cabeza. Hai hoxe políticos, alcaldes que coñecen a provincia mellor ca min, que están moi ben preparados e formados para coller ese testigo. Pero eso vai pasar cando Baltar, que é un gañador de eleccións e que eu o vexo en forma, o decida. Eu sigo recalcando que a miña ilusión e onde vou poñer todo o esforzo é en ser alcalde.

Te puede interesar