Secretario comarcal da CIG

Etelvino Blanco: ‘Ourense segue adoecendo dun empresariado que sexa máis democrático’

Etelvino Blanco. (Foto: Xoán Baltar)
Tras 33 anos no sindicalismo e 15 á fronte da CIG en Ourense, Etelvino Blanco opta de novo á secretaría comarcal, encabezando a única lista que se presentará na asamblea de mañá.
Leva xa 15 anos como secretario xeral e ata hai uns días poñía en dúbida a súa continuidade. Por que optou finalmente por repetir?

Á parte de analizar a miña situación persoal, a decisión final tomeina porque houbo unha candidatura de consenso, que reflexa unha unidade na organización. E, ante unha petición dos compañeiros para que eu continuase sendo a cabeza visible, non tiña argumentos para rexeitalo. Se houbera enfrentamento ou máis dunha candidatura, non ía continuar.

Ninguén quere sustituilo?


Ninguén se postulou, o cal non quere dicir que non haxa compañeiros con sobrada valía.

Con tan longa traxectoria no sindicalismo, como cambiou dende os seus inicios?


Foi difícil que o sindicalismo nacionalista penetrase en moitas empresas, porque os empresarios nos vían como a ‘besta negra’. Pero dende a unificación na CIG en 1994 aumentou a afiliación e a presencia nos comités. Penso que a CIG tense convertido na organización cunha acción sindical máis coherente e firme en defensa dos traballadores, pero temos que mellorar a representación en delegados respecto a ese traballo que facemos, que ás veces vese coartado pola falta de libertade nalgunas empresas para elexir ós representantes, onde a uns se lles beneficia, con organizacións sindicais apoiadas polos empresarios para montar listas amarelas cos seus familiares e amigos, e a outros se lles perxudica.

Os sindicatos falan de que a participación dos traballadores é baixa, e os traballadores de que os sindicatos non atenden ben as súas necesidades.

No sindicalismo debemos ser autocríticos. Por un lado, se non houbera organizacións sindicais, nunha situación como a de Ourense ós traballadores nos terían unha sobreexplotación enorme, na que os empresarios seguen obtendo beneficios a base de esquilmar os dereitos dos traballadores. Pero tamén hai que recoñecer que, se hai críticas, algunha razón terán. Os traballadores deben decidir que queren reivindicar, e non deixar esa responsabilidade en sindicalistas burocratizados que están en Madrid, firmando acordos que moitas veces van en contra dos seus intereses. Tamén se critica ós sindicatos que non fan determinadas cousas, pero non é así: os sindicatos son o conxunto de traballadores e son eles os que teñen que dar o impulso.

Como é a relación co empresariado ourensán?


A nivel de organizacións, cando temos a posibilidade de debatir sobre a situación socioeconómica, infraestructuras ou plans nos que temos participado con eles, hai entendemento. Pero, no que é a masa empresarial, Ourense segue adoecendo dun empresariado que sexa moito máis democrático e asuma moito mellor á relación cos sindicatos, que non nos vexa como os que van alí reclamar, senón como os que queren con tribuir a que se manteña o emprego nesa empresa. Pero hai moitos empresarios que non asumen que hai unhas organizacións democráticas de traballadores que deben respetar.

Ourense case chega ós 25.000 parados. Como prevé a evolución do emprego?


Nós somos pesimistas. Porque Ourense non vai ter unha discriminación positiva por parte das administracións para atraer industrias que creen emprego, senón que van ir para outras zonas. Van seguir apostando pola costa en lugar do interior. E, pola inestabilidade de moitas empresas, non se tocou teito na perda de emprego.

Seguirán os ERE’s?


Prevese que haxa prórroga dalgúns temporais, outros de suspensión que rematen en rescisións ou que afecten a novas empresas. Pero estarán moi lonxe da grandísima cifra de 2009, cun número de afectados superior ó dos seis anos anteriores. O 2010 será moi difícil para os traballadores sen emprego ou en situación inestable na súa empresa. Esto vai repercutir na clase traballadora, porque moitos empresarios aproveitan para recortar melloras recoñecidas en convenio e que non deberían afectar, pois suporía que a crise pagaríamola os traballadores e eles quedarían cos beneficios dos últimos anos.

Serviron os ERE’s para garantir a viabilidade das empresas?


Nalgúns casos, xa supuxeron estabilidade. Noutros, creemos que se usou a picaresca empresarial, porque a súa situación non era para ir a un ERE e aproveitaron a coxuntura para aumentar beneficios.

Sempre se pide unha aposta para mellorar a situación de Ourense, pero pasan os anos e segue igual. Que facer?

Hai que empezar por cambiar a mentalidade dos políticos e gobernantes locais, para que estean esixindo continuamente ese cambio. E tamén a dos que gobernan só con criterios electoralistas. Poñer unha empresa en Ourense non dá a mesma rentabilidade electoral que nunha zona industrializada. Nós imos ser moi críticos coas promesas que nos intenten facer, chámense plan Impulsa ou plan X. Queremos ver orzamentos, un cambio real, non como no bipartito e agora co PP que só cambia o marketing.

‘Orgulloso’ da madurez da organización


A organización sindical manterá a súa asamblea comarcal maña sábado, na Casa Sindical. Comezará as 9.30 horas e a súa clausura está prevista para as 13.30 horas, coa asistencia do secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Para esta convocatoria de renovación dos órganos directivos, o sindicato presenta unha lista consensuada e encabezada por Etelvino Blanco, o único da candidatura que repite. Os sete restantes concurren por primeira vez e, aínda que non desem peñaron cargos directivos, contan cunha importante traxectoria sindical. Trátase de Belén Martínez Portela, Alfonso Diz Diéguez, Natividad Álvarez Decabo, Luis Ferreiro Fernández, Zeltia Burgos Tortosa, Xosé Manuel Alonso Noceda e Plácido Valencia Rodríguez. Blanco destacou a incorporación de mulleres nesta candidatura, coa finalidade de manter a representatividade da organización, na que un 40% son mulleres.

Blanco incidiu tamén na importancia de que a CIG acadase o consenso para presentar unha lista única, xa que, ‘ó contrario que noutras organizacións, soubemos antepoñer os intereses do conxunto sobre os persoais ou de grupo’, polo que eloxiou o traballo feito polas distintas faccións, ‘que demostra unha madurez da organización da que me sinto orgulloso’.

A CIG ronda actualmente os 7.000 afiliados en Ourense e ten arredor de 460 delegados sindicais.

Te puede interesar