A mostra sobre o escritor está aberta ata o día 27 deste mes no Centro Cultural da Deputación

Unha exposición percorre a traxectoria de Cunqueiro

Francisco Rodríguez, Francisco López, José Luis Baltar e Víctor Fernández Freixanes  (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
O seu escritorio, unha vista do seu Mondoñedo natal, 16 paneis informativos, unha escolma das súas publicacións e vídeos sobre a súa figura son os elementos que compoñen a exposición 'No niño novo do vento', dedicada ó escritor Álvaro Cunqueiro e enmarcada nas actividades organizadas co gallo do centenario do nacemento do autor xunto a conferencias, seminarios ou encontros.
Dende Mondoñedo, onde foi inaugurada, a exposición itinerou ata chegar a Ourense. No Centro Cultural da Deputación permanecerá ata o próximo día 27, momento en que continuará o seu percorrido pola xeografía galega. Na inauguración ourensá participaron un dos comisarios da mostra, Víctor Fernández Freixanes; o director xeral do Libro, Francisco López; o presidente da Deputación, José Luis Baltar, e o alcalde, Francisco Rodríguez.

'No niño novo do vento' preséntase estructurada en diferentes apartados. O que o visitante atopará nada máis entrar no Centro Cultural serán os paneis que, dende a infancia, percorren os aspectos máis destacados da vida do mindoniano: as amizades, o contexto no que lle tocou vivir, as influencias da súa obra, o seu labor como xornalista, a súa poesía e a gastronomía á que lle dedicou ben liñas. Máis adiante, cunha escenografía de Rodrigo Roel, os asistentes á mostra verán unha reproducción do ambiente de traballo de Álvaro Cunqueiro, co seu escritorio e enseres persoais. A última parte contén distintas edicións das súas obras e ilustracións dos seus contos, así coma dous puntos interactivos e reportaxes audiovisuais sobre el.

Durante a presentación oficial, o comisario Víctor Fernández Freixanes insistiu en que a exposición é motivo de celebración porque o que se conmemora é o nacemento. Na súa intervención, o tamén director da editorial Galaxia afirmou ser 'consciente' de que é unha época complicada para que os escolares visiten a mostra e, por iso, animou ás asociacións veciñais a achegarse a coñecer de primeira man o universo 'cunqueiriano'. Pola súa banda, o director xeral do Libro sinalou que 'moito do que Galicia conseguiu na literatura procede de Cunqueiro', mentres que Baltar coincidiu con Freixanes na importancia de que os veciños visiten a exposición e afirmou que, dende a Deputación, 'convidarémolos a que veñan'. Por último, o presidente provincial bromeou con que 'Cunqueiro era un escritor que sabía comer ben' e, ademais de literatura, 'levou consigo a gastronomía'.

Te puede interesar