O fachón, a obra efémera máis querida en Castro Caldelas

Alejandro, Teti, Iago, Dasilva e Berto rematando a figura de palla.
photo_camera Alejandro, Teti, Iago, Dasilva e Berto rematando a figura de palla.
A elaboración do fachón xigante de Castro Caldelas, xunto aos preto de 500 pequenos, é unha tradición que reúne a máis dunha vintena de veciños na nave do Toural caldelao durante unha semana dando forma a esta estructura de palla que arderá na fogueira. Este venres celébrase a Festa dos Fachós.

Desde as primeiras notas de Vicente Risco, quen a consideraba un rito celta de culto ao sol, ata as crenzas relixiosas que a vinculan á loita contra unha peste, Os Fachós de Castro Caldelas son unha celebración arraigada na historia e a tradición, converténdose no evento máis esperado non só por caldelaos, senón tamén por aqueles dos concellos veciños.

Ao longo do tempo, a tradición evolucionou, pasando de ser unha “competición sa” para determinar quen levaba o fachón máis grande, á creación dun fachón xigante que require a colaboración de varias mans. Esta colosal morea de palla, que hoxe en día crece metros e metros, é meticulosamente elaborada polos veciños durante unha semana no toural, o seu centro de reunión nocturno.

O proceso de creación do fachón, como unha serpe de palla que cobra vida, implica un arduo traballo que se estende no tempo. En agosto, seméntase o centeo que se cultiva ao ano seguinte, seguindo de maneira tradicional a malla para preparar a palla que se utilizará en xaneiro do ano seguinte. Así, ano e medio de esforzo tradicional culmina nunha impresionante procesión de lume purificador que serpentea polas rúas caldelás.

Miguel Sotelo, Elena Osorio e Juan Osorio dando os últimos retoques ao fachón.
Miguel Sotelo, Elena Osorio e Juan Osorio dando os últimos retoques ao fachón.

Cando a xornada laboral remata, van chegando veciños, a ilusión e o desexo de superación cada ano impregnan o aire mentres os creadores dan vida a esta impoñente estrutura. Amarran feixe tras feixe de palla á corda, con anudados precisos cada poucos metros, ata alcanzar os preto de 40 metros que pode chegar a medir o fachón. Algarabía, convivencia, alguna discusión, e todo rematado cada noite nunha cea arredor da mesa e acompañados polo lume da chimenea que arde no medio da nave. 

Elena Osorio e Miguel Sotelo, armados con tesoiras xigantes como auténticos perruqueiros, rétanse na destreza do seu labor de deixar o fachón liso para evitar que se craven as pallas cando o porten. Juan Osorio comparte fotos dos primeiros recordos, cando a festa era moito máis íntima que na actualidade: “Lembro a primeira malla que fixo o Concello, foi no 95 ou 96” conta Juan, quen engade que o fachón grande comenzaba a facerse a principios dos 80, “antes eran fachós individuais”.

Elena Osorio, sumerxida de cheo no festexo desta tradición, lembra como participa desde cativa xa que “eu sempre levei o fachón, de nena levaba un pequeniño, ata que comencei a levar este, e levo anos vindo cada ano a facelo”. Nun primeiro momento as mulleres ían amarradas ao fachón grande, aínda que cada ano son máis. Elena leva arredor de 15 anos saíndo cada 19 de xaneiro agarrada a esta estrutura ardendo pola vila. “Pode que sexa das primeiras mulleres, tres ou catro poideron haber antes” conta a moza, orgullosa da súa tradición.

Simultaneamente, outro grupo de mozos dá forma ao San Sebastián de palla, a obra efémera que coroará o fachón, percorrendo o pobo antes de ser consumido pola gran fogueira.

Te puede interesar