O profesor e antropólogo, que fora presidente do Ateneo, será enterrado en San Francisco

Falece Fidalgo Santamariña ós 65 anos de idade

Fidalgo Santamariña a finais do 2010
O antropólogo Xosé Antonio Fidalgo Santamariña faleceu onte en Ourense á idade de 65 anos por mor dun cancro que arrastraba dende había tempo e que o obrigou nos últimos tempos a abandoar o labor á fronte do Ateneo.
A súa actual presidenta, Isabel Salgado, lembraba onte que o momento que lle tocou vivir como cabeza da institución cultural foi 'moi duro', debido á necesidade de deixar libres os locais da Torre. Alí estivo como vicepresidente durante uns 25 anos, ata a morte de Anselmo López Morais, a quen sucedeu na presidencia hai algo máis de dous anos. A actual directiva, escollida hai un mes, amósabase onte 'cunha pena tremenda' porque 'foi un home ó que quixemos moito e que traballou moito polo Ateneo' e, por iso, pensan en facerlle 'algún tipo de recoñecemento', aínda que sexa demasiado pronto para concretalo, segundo informou Isabel Salgado.

A cultura popular
Xosé Antonio Fidalgo Santamariña naceu na parroquia de San Xulián de Grixalba, pertencente ó Concello de Sobrado dos Monxes (A Coruña), o día 13 de xullo do ano 1946. Na aldea coruñesa pasou os primeiros anos da súa infancia vendo transcorrer a vida rural dende a taberna que rexentaban os seus pais. Foi, sen dúbida, a súa infancia a que comezou a perfilar as andainas de Fidalgo Santamariña, que dedicaría a estudar con ollos científicos tódolos aspectos que abrangue a cultura popular.

O antropólogo coruñés estudou na Universidade Pontificia de Salamanca. Alí defendeu, en 1984, a súa tese de doutoramento, 'Antropología de una parroquia rural gallega', cun resultado que acadou o premio Otero Pedrayo. Fidalgo Santamariña comezou a exercer a docencia en Ourense no curso 1975-1976, no Colexio Universitario, despois Campus de Ourense. A Antropoloxía Social foi sempre a súa área de traballo, na que profundizou na Facultade de Educación, onde se xubilou hai algo máis dun ano.

Como escritor, salientan as obras 'O Afiador', 'Os saberes tradicionais dos galegos' ou as compartidas 'Traballos comunais no mundo rural' e 'Cinco profesións ambulantes ourensás'.

Paralelamente, Xosé Antonio Fidalgo Santamariña foi fundador e director do Laboratorio Ourensán de Antropoloxía Social, membro da comisión de antropoloxía do Consello da Cultura Galega, formou parte da Sección de Etnografía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos do C.S.I.C e da European Association of Social Anthropologists (EASA).

Te puede interesar