Tribuna

O foro e a igrexa do Burgo, Caldelas e o rei de León

Sexa como for, o noso documento dá conta de que aínda que hoxe, O Burgo, non chegue as 30 persoas, como ocorre, desgraciadamente, con tantos pobos de Galicia, nada ten que ver este estío poboacional coa importancia que tivo no pasado. Proba diso é o enfrontamento entre os bispos de Ourense e Astorga, no século XII, por estes territorios, fronteira entre ambas dioceses. O 19 de xaneiro de 1150, como resultado dun preito con varios anos de percorrido, o arcebispo de Toledo, Raimundo de Sauvetat, apoiado por Alfonso VII o Emperador, instados os dous polo papa Uxío III para solucionar un litixio que xa tiña percorrido, dispón que todas as igrexas a poñente da liña formada polo río Navea na súa unión co Sil sexan de Ourense, excepto San Pedro de Navea, San Pedro de Caldelas, as terras de Trives e Robleda e a igrexa de San Xoán de Camba, co seu burgo e a súa capela.

O feito de que a actual vila de Castro Caldelas ó redor de cuxo castro, no alto do pobo, Pedro Fernández de Castro, valla a homofonía, construíse unha fortaleza no século XIV, sexa a maior entidade poboacional deste contorno, non debe obviar a importancia do que hoxe coñecemos como O Burgo, no pasado avalada, entre outras cousas, polo peso do mundo romano. Pola zona pasaba a Vía XVIII de Braga a Astorga e, posteriormente, o Camiño Real de Castela e proba diso son os restos de antigos mostradores, para atender ó público, que conservan non poucas das casas de época moderna que seguen en pé, nesta zona, antigamente de paso. Isto, e a profusión de aras e sepulcros romanos atopados en torno ó solar da actual igrexa de Santa María do Burgo, como na capela de San Pedro, a escasa distancia, avalan a posible presenza da mansio viaria de Presidium, cuxa extensión se descoñece, pero que foi apuntada por algúns especialistas e por algunhas sondaxes realizadas na contorna.

A pesar dos engadidos dos séculos XIV, XV e XVIII, sobre todo, a primitiva igrexa tardorrománica do Burgo, dunha soa nave, foi un templo, comparativamente importante, tendo en conta que a maior parte da estrutura da próxima San Xoán de Camba é do século XVIII; que a igrexa de Santa Isabel, na cima de Castro Caldelas, relativamente exigua, é do século XVI e que a actual igrexa parroquial da vila veciña, o Santuario da nosa Señora dos Remedios, é unha construción do século XIX, no solar dunha antiga e pequena capela adicada á Virxe do Prado.

Destacan no templo burgués, probablemente do século XIII, as dúas portadas con arquivoltas e arcos apuntados, tardorrománicos, coas súas columnas e capiteis fitomorfos; o engadido dunha nave compartimentada en capelas no flanco sur, xunto a sepulcros antropomorfos que aínda se conservan e un escudo dos Osorio como tímpano-dintel dunha xanela desa nave. Isto parece xustificar enterramentos dalgún segundoxénito desa familia, a partir do século XIV, nesta ampliación, ó mesmo tempo que rompe a simetría do conxunto.

O presbiterio cúbico, elevado en altura e ampliado en anchura e profundidade, en época barroca, engadido no século XVIII, probablemente da mesma época que a espadana, eliminaría a antiga ábsida románica, probablemente recta. Aparte das portadas, restan os canzorros con motivos zoomórficos e vexetais, da nave norte e os da nave sur, reaproveitados xunto á cornixa e algunha saeteira románica, na nova nave engadida no baixo medievo, cuxa parede foi reconstruída cos antigos perpiaños que pechaban o lado sur da nave única, recolocados bastante irregularmente. A portada occidental está escoltada por dous amplos contrafortes e a portada norte conservou unha hornacina cunha Inmaculada de madeira, protexida por un cristal, na súa parte superior. Distintos modillóns na nave norte, na sur e na fachada occidental, fálannos dun posible pórtico perimetral, de madeira ou de tres pórticos independentes, hoxe perdidos. O atrio do templo está rodeado por un elegante muro de pedra de media altura, ruinoso no flanco occidental, polo evidente prexuízo ocasionado por un poste do tendido eléctrico, que afectou ós seus cimentos, sen que o apercibimento de Patrimonio, aumentase a présa da empresa eléctrica responsable por poñerlle remedio ó desaguisado, a pesar dos anos xa pasados.

É notable, fronte ó edificio relixioso, a tulla do século XVIII, mandada construír polo bispo de Astorga para axudar ós aldeáns na época de escasas colleitas, cuxo uso perdurou ata o século XX. Está restaurada e é unha mostra calada, pero evidente, da secular acción social da igrexa, que non sempre deixa rastro e non sempre é recoñecida. Tras o Concordato de 1953, esta parroquia, xunto coa de Castro Caldelas e algunhas das outras mencionadas, pasaron a formar parte da diocese de Ourense.

Ó principio, falabamos do texto do famoso foro que puxo en alza o nome do pobo, un fragmento do cal non me resisto a transcribir:

“Eu don Alfonso porla gratia de Deus Rey de Leon a vos omes do boo Burgo, assy aos presentes como aos que an de víír, et a vossos fillos et a toda vossa generación faço karta de donación et texto de firmidue, et dou a vos foros en que sempre vivades”.

Pódese ver, facilmente, neste pequenísimo fragmento, palabras do latín e palabras do portugués e do galego actuais: gratia, faço, fillos… Mírese por onde se mire este texto é admirable porque supón un esforzo de comunicación dun rei que quere ser entendido polo seu pobo e fálalle da forma en que o pobo pode entendelo. Se o pensamos con amplitude, tamén as inscricións romanas e a propia igrexa medieval, son un intento dos nosos antepasados de transmitir unha mensaxe ós que habiamos de sobrevivilos. Por máis que pensemos que estamos a anos luz desas datas, canto nos queda por aprender delas! As últimas noticias fálannos de tambores de guerra no corazón da culta, global e cosmopolita Europa, que, segundo din, vive na era das telecomunicacións. Parece mintira que con todo o que avanzou a comunicación nos últimos séculos, sexa máis fácil entender a linguaxe de Roma, das pedras ou dos textos do medievo, que entendernos, hoxe, entre nós mesmos.

Non podo nin quero meterme nas culpas e nas causas, pero sería bo ver o resultado das guerras no pasado para valorar a importancia da comunicación no presente. A pesar das súas faltas, Alfonso IX de León, o do foro, foi o pai de Fernando III o Santo e morreu en Sarria, peregrinando cara a Santiago, onde foi enterrado. Ó final, a primeira comunicación necesaria é a que temos que ter con nos mesmos. Só despois poderemos entendernos cos demais, arte esencial no oficio de vivir, onte, hoxe e sempre.

Te puede interesar