RECOÑECEMENTO

“Galicia renace”, di Camilo Nogueira ao recibir o Trasalba

<p></p>
photo_camera Camilo Nogueira, tras recoller o Premio Trasalba de mans de Xesús Alonso Montero.

O economista e político vigués recibiu o Premio Trasalba que entrega a Fundación Otero Pedrayo

A cultura galega rendiuse á figura do economista, ensaísta e político vigués Camilo Nogueira (Vigo, 1936) no acto de entrega do XXXIV Premio Trasalba que concede a Fundación Otero 
Pedrayo, celebrado na casa museo desta parroquia de Amoeiro. O presidente de honra do padroado da fundación e presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, fixo entrega do galardón -unha escultura de bronce de Otero Pedrayo de bronce ideada por Buciños- a Nogueira, do que dixo que "sen persoas como el, o mundo sería máis pobre". No acto, tamén participaron o presidente da fundación, Víctor Freixanes; o presidente do Consello Galego de Cultura, Caros Villares; o gañador do galardón o ano anterior, o pintor Antón Pulido; e os escritores Carlos Baliñas e Suso de Toro.

O seu marcado carácter galeguista e europeísta e o traballo que fixo ao longo da súa traxectoria por Galicia foron as razóns que levaron á Fundación Otero Pedrayo a elixir a Nogueira para recibir o Premio Trasalba nesta edición. Claramente emocionado, o premiado apenas puido facer un discurso de cinco minutos no que destacou as fortalezas de Galicia, "un país que renace", recordando a súa importancia na Unión Europea. "O noso país participou no Parlamento europeo do proxecto da UE, sempre en defensa das nacións xunto a Escocia, Gales, Cataluña ou Euskadi, a saída do Reino Unido non debe frenar o proceso", indicou Nogueira, que lembrou a Ramón Otero Pedrayo, ao que coñeceu en Madrid en 1963.

A presentación do premiado correu a cargo de Suso de Toro, encargado de ler o laudatorio, que non puido rematar pola emoción que lle embargaba. Na súa intervención, o escritor fixo un recorrido pola traxectoria do galardoado, "un mestre para as cousas fundamentais, unha referencia intelectual e política que dedicou unha vida de lealdade a Galicia".

Antes, tivo lugar un acto literario no que se presentaron dos libros de Otero Pedrayo, "Lembranzas do meu vivir II. Os tempos da universidade" e "Parladoiro". O primeiro foi introducido por Ramón Villares, que lembrou que Otero Pedrayo o escribiu entre 1961 e 1963 e que non se trata dunhas memorias, nin dunha autobiografía, senón dunhas lembranzas. "Foi un broche a varias obras que son agora máis intelixibles, pecha o círculo, moi poucos autores teñen esta capacidade", sinalou Villares.

Por outra banda, Carlos Baliñas presentou "Parladoiro", un recopilatorio de artigos que Otero Pedrayo publicou en el diario compostelano "La Noche". "É moi interesante reactivalo, poñelo de novo en circulación", destacou Baliñas, que escribiu esta obra en 1973.

Durante a gala de entrega do Premio Trasalba tamén se puido disfrutar da actuación do grupo Tundal, que chegou desde Outeiro de Rei. O acto pechouse, como é habitual, cun audio no que se puido escoitar a voz de Otero Pedrayo.

Te puede interesar