Andrés García Mata. Tenente de alcalde e concelleiro de Infraestructuras

García Mata: ‘Igual houbo unha sobredimensión pública da nosa marca Tenencia de Alcaldía’

Andrés García Mata, que asume hoxe a Tenencia de Alcaldía. (Foto: José Paz)
O alcalde, Francisco Rodríguez, asinará hoxe o decreto que convertirá a Andrés García Mata no novo tenente de alcalde da cidade trala renuncia de Alexandre Sánchez Vidal, que seguirá de concelleiro ata o vindeiro pleno. Será a partires desa data cando García Mata asuma tamén as delegacións de Vivenda e PERI que ata o de agora estaban nas mans do seu predecesor.
Que obxectivos se marca nesta nova etapa?

Creo que o primeiro é pechar esta interinidade que se abriu co cese de Alexandre. Foi unha decisión que tomou el para facilitar o relevo e loxicamente estamos na metade do mandato e o fundamental é que garantimos que o acordo de goberno co PSOE non se revisa para nada, garantimos a gobernabilidade. O que pode aparecer cara á cidadanía como unha sensación de inestabilidade está completamente pechado e nós estamos xa mirando para adiante, temos moitas cousas que xestionar.

Cal cre que foron os erros que levaron ó grupo a esta situación de interinidade?

Creo que o fundamental partiu do 1 de marzo, cando perdemos unha parte importante dos apoios electorais que tiñamos. Estabamos nun proceso dunha asamblea nacional para discutir internamente cuestións que tiñan que ver con esto. Eses son os elementos fundamentais aínda que probablemente se dimensionou moitísimo que había fractura interna no grupo municipal e no BNG. Está ben sacar conclusións do pasado e nese sentido é a remodelación das áreas, porque no 2007 algunhas cousas, probablemente por inexperiencia, non estaban ben definidas. Aproveitamos agora para definilas e que a xestión sexa máis eficiente.

Isabel Pérez anunciou que non continuará no 2011. Enmárcase a súa decisión nas friccións internas do grupo?

Creo que son ciclos vitais. Isabel ten aportado moito tanto na xestión municipal como no propio BNG, quédanlle dous anos de xestión e o compromiso dela é que vai rematar o mandato. Creo que é cedo para saber se Isabel vai ser candidata ou ir na lista. Non podemos descartala nin todo o contrario.

O seu maior reto é manter a unidade no grupo municipal?

O maior reto que temos é que a normalidade do día a día sexa a que prime. É o que está a ocorrer a día de hoxe. Si é certo que os resultados das eleccións nos levaron a facer unha reflexión e a veces non coincidimos todos nas mesmas análises. Hoxe a unidade do grupo municipal xa é un feito, na localidade hai consenso e apoio ó grupo municipal e o que nos queda é ser optimistas e traballar con normalidade.

Achegarase máis ós seus socios de goberno?
Na xunta de goberno local, onde despachamos a acción de goberno, sempre se aprobaron as cousas por unanimidade e nos plenos tamén e eso é o máis indicativo. Con respecto a aparecer publicamente, probablemente é unha parte que descoidamos nestes dous anos. É necesario transmitir o que de feito ocorre no Concello e seguiremos nesa liña.

A marca Tenencia vai desaparecer?

A marca ten que ver co acordo de goberno de 2007, onde se establece que haberá un tenente de alcalde e será do BNG. Igual houbo una sobredimensión pública da marca pero tamén ten que ver con que as áreas de goberno que xestiona directamente o Bloque son moi potentes e están amosando unha gran capacidade de xestión e eso tamén dimensiona esa propia marca. Nós non vemos que aí estea o problema. Hai que facer xestos de cara a que a xente coñeza que hai dúas organizacións cogobernando. A maioría da xente xa coñece esa realidade e non hai que prantexar que desapareza a Tenencia de Alcaldía porque sería un engano.

Hai quen, como o PP, defende que implica dobre gasto.

Xa, pero non é certo. Esa é a liña argumental da oposición, que tamén o facía no goberno da Xunta, pero os números non indican eso. Tanto no capítulo de persoal como nas propias áreas e estructuras, para nada duplicouse o gasto. Hai áreas nas que necesitamos máis técnicos e, neste senso, o Concello traballa con austeridade.

Vaise impulsar algún área concreta trala reforma?

Naquela definición do orixe algunhas áreas que estaban dentro de macroáreas non estaban xogando o papel que deberían. Refírome sobre todo ó perímetro rural, que historicamente estaba bastante abandonado e a día de hoxe é necesario darlle pulo e dimensionalo máis.

E o Plan de Termalismo?

O Plan está aprobado por unanimidade e ese é un dos retos deste goberno. Hai áreas urbanísticas que hai que desenvolver pensando no termalismo pero creo que ata o de agora se fixeron cousas moi importantes. A declaración de Capital Termal é unha carta de presentación moi importante e hai que traballar nesa liña, aparte do que é mellorar as infraestructuras e de solucionar os problemas que temos, relacionados fundamentalmente co desenvolvemento urbanístico.

Que balance fai destes últi mos dous anos?

Creo que nun periodo moi curto de tempo fomos quen de atraer investimentos doutras administracións e ó mesmo incidimos noutras, como o goberno do Estado, modificando o trazado de entrada do AVE, que pensamos que era moi gravoso pa a cidade. Este goberno está a modificar a cidade e a planificar outra con máis vida. No aspecto negativo, probablemente teña que ver con cuestión internas no sentido dos resultados electorais, non relacionados co Concello, e creamos unha sensación de interinidade de cara a xente.

Seguirá o modelo de Sánchez Vidal no cargo?

O modelo de cidade foi co que nos presentamos ás eleccións e nese sentido vai haber continuidade. Despois, os xestos, as formas, a encarnación dese programa depende das persoas. Alex tiña unha forma de facelo, eu imaxino que terei outra diferente e a percibiredes a curto prazo, pero o modelo xeral de futuro está no programa.

Con que estaría satisfeito ó acabar este mandato?

Con que fora capaz de transmitirlle á cidadanía o optimismo e esperanza que nós temos no que estamos a facer. O segundo aspecto é que estou nunha formación política que non descartamos ser a primeira forza da cidade. Non temos vocación de ser minoría dun goberno, senón a forza maioritaria. Para chegar a eso temos que ter responsabilidade, ser conscientes de que temos nas nosas mans a posibilidade de mellorar a vida da xente traballar con esa vocación.

Postúlase como candidato ás vindeiras municipais?

Nestes momentos ese debate aínda non está aberto no BNG, quedan dous anos. Eu non me postulo nin me deixo de postular. Se asumo dirixir ó grupo municipal, fágoo con todas as consecuencias e cando chegue o día o Bloque debatirá e aportaremos as persoas máis válidas para esa candidatura.

Te puede interesar