O grupo do PP reclama o debate sobre o estado da cidade

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense presentou onte por escrito, a través do Rexistro Xeral do Concello, unha solicitude para que o alcalde cumpra co acordo plenario do pasado 29 de xaneiro de 2013, no que se acadou o compromiso de convocar cada ano unha sesión extraordinaria para debatir sobre o estado xeral da cidade, como se fixo ese día, tamén a instancias do PP.
Lembran os populares que naquela sesión plenaria extraordinaria se aprobou, con 14 votos a favor -de PP e BNG, o seguinte acordo de obrigado cumprimento: 'Que a partir de agora se celebre todos os meses de xaneiro de cada ano un pleno extraordinario que sirva de informe e control da xestión de goberno municipal'.

Os populares rexistraron esta petición tendo en conta que, a día de onte, non hai ningunha información ao respecto e tampouco se convocou a xunta de portavoces solicitada polo PP o pasado día 14 (solicitada polas dúbidas que xeraron dúas concelleiras socialistas críticas co alcalde a propósito da seguridade xurídica das xuntas de goberno) e 'onde se podería falar con todos os grupos para abordar tamén esta cuestión' do debate sobre o estado da cidade.

Alomenos así o sinala o portavoz popular, Rosendo Fernández, quen matiza que 'debatir sobre o estado da cidade é hoxe máis importante e necesario que nunca, tendo en conta que as loitas particulares e partidistas dun grupo en concreto está dañando seriamente á gobernabilidade da cidade, que ao final é o máis importante para os ourensáns'.

Te puede interesar