“incluso hoxe, algúns medicamentos están baseados en plantas'

O escritor Miguel Mosquera
O escritor ourensán vén de publicar 'A nosa botica' (edicións do Cumio), unha guía que recolle as plantas autóctonas galegas que posúen efectos medicinais.
Que podemos atopar nesta “Nosa botica”?
É unha recompilación de plantas autóctonas con propiedades medicinais. No libro explícas como identificalas, recollelas ou tratalas para aproveitar as súas características curativas.

É Galicia unha terra especialmente rica en plantas desta tipoloxía?
Hai uns anos, xa se puxeran en contacto comigo estudantes universitarios preguntándome as posibilidades de atopar plantas deste tipo en Lalín, onde incluso hai unha empresa que as procesa. Con todo, quizais non é o máis típico de Galicia, onde a medicina popular sempre tivo maior presencia que a natural. A primeira baséase na fe, é a dos santos e as meigas e nela non intervén ningún axente físico ó non ser preciso tomar medicamentos. Na medicina natural si que interfire o uso de plantas.

Ó final quen volve mandar é a sabedoría popular tamén nesta ocasión?
As plantas, combinadas con sustancias animais e vexetais, foron nun principio a base dos medicamentos. Se unha doenza require cirurxía, obviamente non a pode curar unha planta pero incluso hoxe algunhas menciñas están totalmente baseadas nelas. Un exemplo é a Aspirina, que contén corteza de salgueiro. Mastigar unha pequena póla consegue os mesmos efectos, cos riscos que conleva tomar unha pastilla, claro.

Pero as plantas tamén poden resultar perigosas.
O perexil e a cicuta, por exemplo, pódense confundir pola súa apariencia e o mesmo aconteceo co cólcico e azafrán. Pero uns son comestibles e outros velenosos. Por iso o libro tamén amosa cales son os que conlevan riscos e incluso onde hai que recoller os que se poden empregar ou como hai que ir vestido segundo as zonas onde aparezan.

Trátase dunha guía para calquera tipo de público ou os lectores deben partir dalgunha base de coñecemento?
Realmente o máis difícil do traballo foi iso, converter unha materia complexa como a medicina en algo accesible para calquera. Aparte, o proceso de redacción foi longo e complexo porque as fotografías, realizadas por Ana Nieto, houbo que tomalas en diferentes estacións. Foi máis dun ano de documentación partindo dos coñecementos que xa tiña.

Son incompatibles a medicina natural coa científica?
Cando as propostas parten de científicos esas cuestións non existen. É unha mágoa que hoxe, dos centos de miles de especies vexetais, só o 1% estean protocoladas.

Te puede interesar