Presidente do PP de Ourense

José Luis Baltar: 'A familia nunca me fallou e na política falláronme moito'

José Luis Baltar, durante a entrevista feita o día de Noiteboa. (Foto: Martiño Pinal)
José Luis Baltar Pumar (69 anos), dende que anunciou que deixaba a presidencia do PP, tras 19 anos, síntese máis aliviado. Defínese, a través dunha conversa na que incluso sale de si mesmo, coma un político leal, un home con sentimentos, apegado á familia, amigo dos amigos, galeguista, crítico e, ante todo, reinvindicativo coa provincia. E aínda que nun papel máis segundón promete, se o deixan, seguir dando guerra.
Pasaron once días dende que anunciou a súa retirada. Atópase vostede máis relaxado?

Totalmente. Foi unha decisión difícil, costoume porque foi unha gran decisión. Pero, como é o que me pedía o corpo, inmediatamente quedei relaxado. Encantado.

E nestes días, notou xa unha perda de poder?


Non. Eu non creo que tivera tanto poder como a xente pensaba. Porque, ademais, o poder nunca me satisfixo. Nunca estiven no poder polo poder. Eu estaba no poder para servir. E agora sigo estando ó servizo dos cidadáns e do partido, resolvendo problemas, igual que sempre. O único é que me sinto máis liberado e a miña familia está máis contenta.

Toma a decisión malia que moitos alcaldes e o propio presidente do PP de Galicia dinlle que continúe. É vostede máis arroutado e máis teimudo que ninguén?

Nin tozudez nin chulería. Nunca fun un chulo. Nunca. E, aínda que defenda as miñas ideas con forza e vehemencia, sei escoitar e aceptar os plantexamentos dos demais. Pero eses alcaldes que me pedían continuar, admitían e recoñecían o meu dereito, despois de tantos anos de sacrificio e traballo, a tomar a decisión que máis me conviña a min. Dixéronme que ían estar con José Luis Baltar para o que necesitase.

Pero cando sopesou que facer, en quen pensou máis, en vostede ou no seu fillo?


Pensei máis en min. Na familia. En que era o momento adecuado. Ademais, veño anunciándoo dende hai tempo. Amargábame marchar do partido en horas baixas, como cando non conseguimos gobernar no Concello de Ourense. Vinme moi afectado, pero non se trata de abandonar o barco. Vou seguir no barco aínda que o timón vaino levar outro. O corpo non me pide outra cousa e, ademais, en agradecemento a todos os militantes e á cidadanía que tanto respaldo me deron nestes anos, sería unha ingratitude tirarme á bartola. Cando haxa un novo equipo de dirección, eles diranme o que necesitan de min. Estou a súa disposición.

A un ano das eleccións municipais, non cre que a súa postura non é a mellor para o PP?

Penso que si. Precisamente, porque falta máis dun ano para as eleccións. Dálle tempo á nova dirección a asentarse e reorganizarse. Pero é que esta decisión había que tomala porque senón ía haber o mesmo problema dentro de tres anos... Pasou un ciclo político e fanse necesarias novas caras e novas expectativas para Ourense. Todos somos necesarios pero ninguén imprescindible.

Di que seguirá no barco do partido, pero seguirá remando na Deputación?


Xa o dixen moi clariño. Estou na Deputación ás ordes do Partido Popular. Baltar non vai pór ningún problema. Gustaríame acabar a lexislatura, pero non é óbice deixalo antes. Que necesitan de min, do meu nome?, pois non lles vou fallar. Prefiro que non me necesiten e que teñan candidatos de suficiente peso para poder sacar isto adiante. Pero se o meu nome pode aportar algo ás próximas eleccións municipais, que son importantísimas, Baltar estará aí.

Os seus adversarios falan da ‘Dinastía Baltar’ se o seu fillo consegue a presidencia do PP. Pero non pensa que na Deputación pode facerlle sombra?

Primeiro, o meu fillo ten que ser presidente do partido. Non vexo eu onde está a dinastía ou a herdanza cando hai que estar pendentes do que pasa o 30 de xaneiro. Sexa o meu fillo presi dente ou o señor Jiménez Morán, eu estou para o que digan eles. E se ven que lles fago sombra, retíranme e deixo de facela. Ademais, ca miña estatura pouca sombra podo facer. Terei un comportamento dentro do partido e da Deputación tan elegante que procurarei non molestar a ninguén.

Non é doado que un fillo lle diga a un pai o que debe facer.


É máis fácil. Meu fillo sabe que me quero ir e, canto máis pronto, mellor. Ademais, eu sei perfectamente cando estorbo.

A propósito de Jiménez Morán, considera que foi desleal con vostede?


Políticamente, todo correcto: é un militante e decide presentarse a unhas eleccións. Outra cousa é como amigo persoal e como xente que estivo ao meu lado, porque non o entendo. Criticou que era unha deslealdade do meu fillo anunciar a presentación antes de que eu anunciara a miña opción de non concorrer. Se el tivera a valentía de facer o mesmo, ó mellor eu tomaría outra decisión. O meu fillo xogou de xeito máis leal que ninguén, sen agardar á última hora. Non xogou ás agachadas. Non me gustou o que fixo Jiménez, dende o punto de vista dun amigo e dunha persoa que estivo no mesmo equipo. Teño sentimentos e son humano.

E como político con sentimentos, tacharía a Núñez Feijóo de desleal se é certo que o seu candidato é Jiménez Morán?

Non, non, non. O señor Núñez Feijóo díxome que ía ser completamente neutral. E Jiménez faille un flaco servizo dicindo que é o seu candidato. E supoño que será certo cando o di, así que se non hai unha desautorización por parte do señor Núñez Feijóo é que hai connivencia.

Será daquela o congreso do PP unha pugna entre Feijóo e Baltar?


Eu non o plantexo así, se outros o fan é o seu problema. Para mín a familia é sagrada e como pai non se me pode pedir que non apoie ó meu fillo. Non podo ser neutral. A nivel de partido case non volvín pola sede para que non haxa inxerencias. É máis, vulneráronse os acordos da xunta directiva por acordo dos dous candidatos e non dixen nada.

Non podemos armar moito lío porque a partir do 30 hai que estar no mesmo equipo. Pero se moitos dos que están apoiando a candidatura de Jiménez Morán traballaran nas eleccións como están traballando agora, segurísimo que teríamos a alcaldía de Ourense e duplicaríamos os resultados na provincia.

Ponlle nomes?

Nos os vou dicir pero a xente do partido sabe ben de quen falo.

Na familia do PP, sentiuse sempre respaldado?


Sempre. Son un home que dentro do partido, se as cousas non van como eu penso, dígoas. Que non se aceptan?, non pasa nada. Ó mellor estou equivocado, porque son un home normal.

O comité local de Ourense leva razón reclamando máis compromisarios?


En primeiro lugar, a porcentaxe de votos do PP na provincia é máis alto que na capital. E se nos estamos defendendo dos ataques dende fóra de Galicia porque din que Ourense está primada nos diputados con respecto a Coruña e Pontevedra, que teñen máis poboación, se dicimos que non está ben, non reclamemos a mesma filosofía que reclaman contra nós. Así non ganamos nada, perdemos. Eu creo que habería que facer como os vascos, o único no que os envexo: os mesmos diputados por cada territorio.

É Enrique Nóvoa un bo candidato para a cidade?


Por suposto. No que a min me toque, cando chegue o momento, teño claro que o candidato á alcaldía de Ourense será Enrique Nóvoa, Poly. Non sei doutro mellor.

Cantas veces se lle pasou pola cabeza crear un partido galeguista á marxe do PP?

Non. Tomamos unha decisión nun momento determinado para integrarnos no PP, e eu xa non cambio máis. Teño uns sentimentos pero pódense defender dende o PP. Xa non estou para esas loitas, e moito menos agora. Aquilo fíxose, e está feito. Non vou dar pasos que perxudiquen ó Partido Popular.

E o amago de escisión do ano 2003?

Pero foi en defensa e solidaridade cunha persoa (Xosé Cuíña) á que os xefes do partido en aquel momento me sinalaran que era a quen había que apoiar. Algún puido ver un amago, pero o que pasa é que eu son leal e non cambio así como así. Cambiaron outros que estaban á fronte e da noite para a mañá deron volta. Pero eu non sirvo para iso e así llo dixen ó presidente da Xunta cando me veu pedir o voto para ser candidato. Díxenlle que ó partido queríao moito pero ás persoas tamén. O que non é leal cas persoas flaco favor lle fai ó partido.

Pódese ser galeguista sen apoiar á lingua, como pensan algúns no PP?

Non. O rasgo esencial que nos distingue ós galegos dos demais é a lingua. Cariño á terra témoslle todos, pero a lingua é un rasgo diferenciador. Eu presumo sempre de que os galegos somos máis listos que os demais porque sabemos dúas linguas, a diferencia dun andaluz ou un madrileño. O bo do galego é que ten unha convivencia harmónica, pero eu prefiro o galego. Agora ben, unha cousa é estar a favor da lingua e outra é obrigar. Debe prevalecer a liberdade. Non podemos impor o galego senón que tennos que saír do corazón.

Pero son moitos os que impoñen o castelán.

Pois están equivocados. Os galegos, respetando o Estatuto, temos a obriga de protexer o noso idioma, falando máis, procurándolle cariño. Tamén digo que o bipartido, a instancias do BNG, pasouse un par de pobos.

E os intereses propios de Galicia, están protexidos co PP de Feijóo?

Si. Levamos a marca de PP de Galicia e polo tanto defendemos os intereses de aquí.

Di vostede que o que é bo para Galicia non sempre é bo para Ourense.

O que si non teño ningunha dúbida é que o que é bo para Ourense é bo para Galicia. Sempre.

Neste sentido, pensa que una hipotética fusión da caixas de aforro sería boa para Ourense?

Nós xa tivemos que dicir que si a unha fusión que sabíamos que nos perxudicaba. Pero fomos xenerosos. O que no entendo é que agora non sexamos xenerosos pensando en Galicia. Estou dacordo ca postura do presidente da Xunta, o importante é ver se a fusión é solvente, porque senón podemos facer unha cafrada. E se hai solvencia, para adiante. Eu non vexo a alianza entre unha caixa galega e outra de fóra porque corremos un risco. Xa temos o exemplo de Unión Fenosa.

No anterior precedente de fusión de caixas, saímos mal parados?

Saímos malísimamente parados. Esta casa (a Deputación) fundou Caixa Ourense e respondía dos despósito mentras a caixa non tivo fortaleza. E agora non pintamos nada, temos un único representante, o que non é xusto. E só hai que preguntarlle ós empresarios e ós comerciantes da provincia. Se nos aguantamos estoicamente, que os demais pensen agora en Galicia.

Esta provincia deu á política persoeiros como Franqueira, Anxo Quintana, Manuel Vázquez... Cando chegan ó poder tiran por nós?

De todos os que mencionou, quedo con Euloxio Gómez Franqueira. El si que tiraba por Ourense. El tíñao moi claro e dicía aquelo de ‘a nosa leira é Ourense’. Os demais prometeron, falaron de equilibrio territorial pero non fixeron nada.

Levo 40 anos nisto e teño claro que a esta provincia téñena que sacar da situación na que está a Xunta e o Goberno do Estado. Hai que tomar medidas correctoras porque senón pagamos o pato os de sempre. A actual Xunta está empezando por facer algo co Plan Impulsa. Ourense ten que ser unha provincia de oportunidades na que asentarse sea rendible.

Pero no goberno xa estivo o Partido Popular?

Si, e cando critico, critico todo. A situación está aí. As culpas as témolas que repartir entre todos. O PSOE e o BNG tiveron responsabilidade no goberno, e que digan o que fixeron.

Te puede interesar