Directora de Tempo Libre en Amencer

LAURA VALCÁRCEL: “O noso obxectivo é que cada actividade teña un matiz educativo'

A Asociación Xuvenil Amencer celebra o seu 25 aniversario, un tempo no que leva participando no ocio e na educación de miles de mozos. A súa directora de Tempo Libre, Laura Valcárcel, fai balance deste cuarto de século.
Como valora estes 25 anos de historia?
Estamos moi contentos porque ano tras ano os números siguen subindo. En 2010 os grandes datos de participación e colaboración resumiríanse en 2.327 nenos, 1.090 mozos, 340 voluntarios, tres contratos profesionais e 242 adultos. Isto significa unha maior implicación.

E o que se mantén é a filosofía da asociación.
O noso obxectivo é que detrás de cada actividade sempre teñamos un matiz educativo, o que definimos como tempo libre educativo. Concienciar aos mozos en cuestións como a solidaridade, o compañeirismo e ese tipo de valores. O máis gratificante é ver como os rapaces, ao deixar de ser destinatarios, devolven parte do que recibiron colaborando como voluntarios.

Canto traballo hai detrás de cada programación?
Estamos durante todo o ano traballando, poderíase dicir que cando rematamos cunhas actividades comezamos cas seguintes. Hai moitas horas de voluntariado, de traballo altruista.

Cales son as iniciativas que teñen máis éxito?
Sempre aumentamos as actividades, outras cambiámolas, porque os gustos e intereses non son os mesmos agora que hai 10 ou 15 anos. Pero todas as actividades de verán, como o Campamento Urbano e as Mañás de verán, xunto con aquelas nocturnas para mozos, sempre son moi demandadas.

Que ten que facer alguén que queira colaborar?
Só ten que achegarse ata Salesianos, nós preguntarémoslle polas súas preferencias e, unha vez que define o seu centro de interés, música, deporte, tempo libre, pode comezar con proxectos relacionados con esa área en colaboración co resto de membros.

Te puede interesar