Un libro co poemario de Xosé Conde foi presentado en Cenlle

A Casa do Pobo da parroquia de San Antonio da Barca (Barbantes), no municipio de Cenlle, acolleu ó mediodía de onte a presentación do libro 'Ausencias, soños e rebeldías, poesía en galego (1952-1990)', no que se recolle unha escolma da obra do poeta Xosé Conde, nativo desa localidade e que faleceu en 1990.
Foron moitos os veciños, entre eles familiares de Xosé Conde, os que acudiron ó centro social para participar na velada literaria, na que fixo de anfitrión o alcalde do municipio, Gabriel Alén, que estivo acompañado por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, institución que colaborou, xunto con Novagalicia Banco, na edición do libro.

Alí estaban tamén colegas de Xosé Conde, coma Luis González Tosar e Víctor Campio Pereira, poetas do Irixo e Maside, respectivamente, que compartiron vivencias na súa traxectoria como emigrantes na República Arxentina. Ámbolosdous fixeron un glosario do traballo literario de Xosé Conde, que a pesares de vivir alén do Atlántico non esquecía Barbantes e, de cando en vez, desplazábase ata a súa terra natal para non perder contacto cos seus, tal e como suliñou Gabriel Alén.

Tanto Campio coma Tosar foron quen de recitar varios dos poemas que legou Conde, espertando os aplausos dos asistentes ó acto. Unha excelente acollida que tivo o seu remate coa actuación da coral polifónica 'Viladauga', da vecciña parroquia de Laias, e da rondalla 'Alfaia', de Cenlle, que tamén foron ovacionadas.

Te puede interesar