Máis da metade dos ourensáns teñen como lingua materna o galego

Rapaz coa bandeira de Galicia e a serea de Castelao ás costas, xente mirándoo ó seu redor.
photo_camera Rapaz coa bandeira de Galicia e a serea de Castelao ás costas, xente mirándoo ó seu redor.
O castelán é por primeira vez o idioma máis habitual en Galicia, aínda que Lugo e Ourense mantéñense como a “resistencia”

Ourense e Lugo eríxense como baluartes do uso da lingua galega na comunidade, fronte a unha Galicia atlántica na que o castelán domina as relacións sociais. O Instituto Nacional de Estadística (INE) publicou os datos do Censo 2021, no que se incorpora un módulo dedicado ao “coñecemento e uso de linguas”, que no caso de Galicia achega datos sobre o emprego do galego, unha información que complementa as cifras que cada cinco anos ofrece o IGE, que publicou a súa última entrega no ano 2019.

Os datos do INE debuxan, ao igual que facía o estudo do IGE, unha Galicia bilingüe, na que unha ampla maioría da poboación é quen de entender, falar, ler e escribir en galego, aínda que con algunhas preocupantes excepcións entre os e as menores de 20 anos; por exemplo, en Ourense hai 1.600 mozos que afirman non entendelo. Ademais, o censo preguntou sobre a lingua usada con máis frecuencia á hora de comunicarse no ámbito familiar, coas amizades e no traballo. A familia é o ámbito da vida na que o galego mantén máis adeptos. Só o 14% asegura non falar nunca en castelán na casa fronte ao 40% que sempre emprega a lingua de Rosalía de Castro.

Se ben é certo que hai un claro retroceso do uso do galego no país, este mantense como lingua inicial para a maioría da poboación tanto en Lugo como en Ourense. Son dous de cada tres os lugueses que aprenden a falar en galego, mentres que en Ourense a porcentaxe mantense firme no 55%. En comparación, na provincia de Pontevedra son 276.000 persoas que aseguran ter o galego como lingua nai fronte ás máis de 400.000 que teñen a lingua de Cervantes.  Así e todo, segundo o IGE, aínda son seis de cada dez os que falan maioritariamente a lingua propia, polo que Ourense segue a ser preferiblemente bilingüe, e os que falan sempre en castelán apenas supoñen o 17% do total dos residentes, cifra moito máis baixas que o  28% de Pontevedra ou o 27% da Coruña.

Pero se o galego continúa resistindo en Lugo e Ourense é, en boa parte, polos maiores de 60 anos. Son o segmento da poboación que máis asegura falar sempre en galego aínda que tamén recoñecen que son os que menor grao de coñecemento teñen da lingua escrita.

Te puede interesar