ACTIVIDADE ESCOLAR

Máis de mil mozos moveron o galego polas rúas de Ourense

A cidade celebrou o tradicional "Correlingua", no que participaron centros de toda a provincia

Centos de mozos de toda a provincia encheron o Casco Vello ourensán na celebración do "Correlingua", unha actividade escolar que se celebra todos os anos na véspera do Día das Letras Galegas co obxectivo de promover entre a xuventude o emprego da lingua galega.

A xornada dividiuse nunha dobre quenda, por un lado, máis de 200 alumnos de Primaria do CEIP Otero Pedrayo (Amoeiro), o CPR Concepción Arenal e o CEIP O Ruxidoiro (Barbadás); e polo outro, case 800 rapaces de Secundaria do IES Otero Pedrayo, o IES Aquis Querquernis (Bande), o IES O Couto, o CPR Concepción Arenal, o IES 12 de Outubro, o IES San Mamede (Maceda), o IES O Ribeiro (Ribadavia), o CPI José García, o Colexio Malvedo (Coles), o IES Germán Ancochea Quevedo (Trives), o Colexio Salesianos e o IES da Cañiza (na provincia de Pontevedra).

O Auditorio Municipal acolleu un acto destinado aos alumnos de Secundaria e conducido pola actriz Isabel Risco, onde a través da música do conxunto coruñés Superoito, a voz da alumna do IES O Ribeiro Alba Fernández e o folión dos alumnos de Trives, se deu paso á andaina que percorreu as rúas do centro da cidade ata a Praza Maior.

Alí, os mozos de Primaria e Secundaria desenvolveron distintos xogos populares co fin de interactuar entre eles en galego. Os profesores que acompañaron aos rapaces destacaron a "importancia de promover o uso da lingua entre a xuventude, que cada vez o emprega menos", e salientaron que este tipo de actividades "sempre axudarán a que o galego nunca morra".

Te puede interesar