O médico ourensán dos Reis Católicos

Isabel I de Castilla ditando testamento rodeada de cortesanos e dos médicos que a atenderon no seu leito de morte.
photo_camera Isabel I de Castilla ditando testamento rodeada de cortesanos e dos médicos que a atenderon no seu leito de morte.
En realidade non era un, senón dous. Naceron en Castro Caldelas, pero parte da liñaxe procedía de Monforte de Lemos. Ambos estudaron medicina en Salamanca, coidaron dos Reis Católicos, do emperador Carlos e mesmo do Papa Adriano VI

Cos regalos de Reis en pleno goce de uso e a recente publicación dun libro titulado “El olor de la Edad Media. Salud e higiene en la Europa medieval”, acae traer a colación a estes dous irmáns ourensáns que coidaron da saúde real, aínda que non da dos Reis Magos -que por magos non precisan destas atencións-, senón dos Reis Católicos, que por moi soberanos que fosen, por xustiza humana, coma calquera mortal, requerían galenos que coidasen das súas a miúdo complexas debilidades corporais.

Entre os distintos historiadores que lle dedicaron tempo a estes dous médicos ourensáns da España do descubrimento de América -alá por finais do século XV- botei man de senllos documentos doutros dous enciclopédicos ourensáns gracias ós que unha boa parte da historia de Ourense non caeu no esquecemento.

O primeiro deles é o paúl Elixio Rivas, que foi o redactor da entrada dedicada ó maior dos dous irmáns na web da Real Academia da Historia. O segundo foi o polígrafo entrimeño Benito Fernández Alonso -a quen algún día lle será dedicada esta páxina-, que levou a cabo un amplo e documentado traballo sobre “Los judiós en Orense”, publicado en distintas entregas no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, da cal el formaba parte coma un dos máis activos protagonistas.

Porque -se cadra por aí debería ter comezado-, tanto Antonio coma Paulo López de Guadalupe -que así se chamaban os dous- eran de orixe xudea, nacidos e asentados primeiro, en Castro Caldelas e veciños, logo, da cidade de Ourense onde residía unha xenerosa e ben posicionada colonia sefardí.

Sobre ambos indica Elixio Rivas que “hicieron estudios de Medicina en la Universidad de Salamanca”, onde decidiron converterse ó cristianismo. Antonio conservando o seu nome de pía e os apelidos de seus pais, mentres que Paulo acordou nomearse como “Paulo de Santa Cruz, en memoria del gran converso apóstol San Pablo”.

Repiten tódalas crónicas que abordan a biografía destes dous personaxes, que foi na capital ourensá na que comezaron a destacar como galenos, “hasta que fueron llevados ante Isabel I de Castilla -en palabras de Fernández Alonso-, y una vez allí, su saber prodigioso fueles abriendo camino para conquistar los puestos más destinguidos”.

Dado que Antonio debeu nacer hacia 1475, isto tivo que acontecer no cambio de século posto que a raíña católica morreu en 1504 e Fernando de Aragón en 1516, momento no que -por mandato do propio herdeiro- centraron a súa atención na saúde do que á postre sería o emperador Carlos V, que comezou por declaralos “nobles y exentos de toda mácula y sambenito” e autorizalos, ademais, “para usar escudo de armas y alternar entre lo más escogido de los caballeros españoles”.

Este documento consérvase -a dicir do historiador entrimeño- no libro de “Copia de Linajes”, en Valladolid, e nel indícase que estando en Bolonia, a 24 de febreiro de 1530, Carlos V manda extender carta-privilexio a favor de Antonio e Paulo, concedéndolles “todos los hordenamientos que pertenecen al estado y orden de caballería y las dignidades, determinando y hordenando que de aquí en adelante por todo el imperio romano y en cualquiera de todas las otras tierras, ennoblescais y podais llevar collares dorados y espada dorada, y espuelas vestiduras e xaeces y todos otros cualesquiera guarnimientos”.

A fama de ámbolos dous -sobre todo a de Antonio- chegou a tal grao de prestixio que ata o mesmo Papa Adriano VI “solicitó de Carlos V las atenciones de Antonio y en Roma permaneció, médico del Sumo Pontífice, hasta que expiró”.

Da man do emperador viaxaron por toda Europa, velando pola súa saúde, ata que, xa maiores, elixiron como retiro a cidade de Ourense, deixando varios descendentes como Antonio de Novoa, que en 1592 reclama dende Sevilla, tamén para el, carta de nobreza.n

Te puede interesar