medio ambiente

Medio ambiente dá luz verde á memoria ambiental do PXOM ourensano

O departamento autonómico determina a viabilidade desde o punto de vista ambiental do plan, o que lle permitirá ao Concello seguir avanzado na tramitación da súa ordenación urbanística

A Consellería de Medio Ambiente determina a viabilidade, desde o punto de vista ambiental, do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ourense. Deste xeito, o departamento autonómico dá por finalizado a avaliación ambiental do Plan, o que lle permitirá ao Concello seguir avanzando na tramitación da súa
ordenación urbanística.

Así, tras a aprobación inicial do documento e rematado o período de consultas e participación pública, conclúese a memoria ambiental, na que se sinala que, en liñas xerais, o PXOM de Ourense conserva e pon en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico do municipio, mediante a ampliación das zonas de especial protección e espazos verdes.

Neste senso, cómpre recordar que o documento define 26 ámbitos para o desenvolvemento de plans especiais destinados á protección e mellora ambiental dos espazos rústicos, medio urbano e sistemas xerais, entre os que se contemplan 29 zonas verdes e 109 espazos libres, 51 actuacións no sistema viario xeral e 24 local e 74 accións no sistema de infraestruturas de servizo, das cales 40 son de abastecemento e 34 de saneamento.

Igualmente, no que respecta ao solo rústico de especial protección, destaca a inclusión, na categoría de espazos naturais, de parte dos terreos das Ribeiras do Miño e dos asociados ao sistema fluvial do Lonia, así como leitos e ribeiras dos ríos e regatos do Miño, o Barbaña, Lonia e Porto. Tamén acadan a consideración de solo rústico de especial protección paisaxística os montes e cumios que rodean a cidade e, no de especial protección patrimonial, inclúense bens de interese arqueolóxico.

Cómpre indicar que este Plan conta co respaldo da maioría das administracións consultadas, que emitiron informes favorables tras a integración das correccións solicitadas e, nalgún caso, sinalan a necesidade de modificar detalles concretos da cartografía ou a normativa.

Garantías ambientais

Do mesmo xeito, co fin de garantir a integración de todas as variables ambientais na ordenación urbanística, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático considera necesario limitar os usos naquelas zonas consideras de risco especial por posibles inundacións co obxectivo de protexer as canles e minimizar os posibles danos ambientais sobre bens e persoas derivados dunha eventual enchente. Deste xeito, estas zonas deberán integrarse nos espazos verdes locais. Por outra banda, diminuirase o risco de erosión evitando a ocupación de terreos con moita pendente e cumpriranse os obxectivos de calidade acústica exterior especialmente en espazos próximos ás vías de comunicación.

Ademais, no que respecta á protección do patrimonio natural, o departamento de Calidade Ambiental sinala a necesidade de conservar e recuperar os ecosistemas de ribeira no Caño de Mariñamansa, a través da súa inclusión nas zonas verdes, e insiste na importancia de engadir á normativa unha prohibición expresa ao uso de especiais exóticas invasoras, concretamente, en xardíns e espazos públicos.

Te puede interesar