Melias celebrará unha feira ao mes con 18 postos

É a primeira vez que se organiza neste núcleo de Pereiro. Celebrarase o cuarto domingo de cada mes no campo da festa

Melias terá por primeira vez unha feira de carácter mensual, na que haberá 18 postos. A idea xurdiu da asociación de vecinos de Melias, que atopou a colaboración do Concello de Pereiro. Realizarán este mercadillo o cuarto domingo de cada mes, empezando este vindeiro domingo. A feira integra case unha vintena de postos, cada un de temática diferente. Haberá postos de embutidos, unha tenda de froitas da aldea, de zapatos, roupa infantil, roupa de maiores,  edredóns,  música,  artesanía, un ferreteiro, un viveiro, un posto de hortalizas e ata churrería. 

Asemade, haberá unha carpa para preparar churrasco e que veciños e visitantes poidan quedar a comer na feira. Tamén estará, como xa o fai agora todos os domingos, o pulpeiro. O lugar de celebración desta nova feira será no campo da festa de Melias. 

Alberto Rivero, da asociación de veciños, cre que é momento de “darlle auxe a esta parroquia”, xa que Pereiro está gañando moita poboación e precisa de impulsos. “Os que veñan á feira poderán vir visitar a igrexa, ou ir ao Pazo de Casdemiro. A parte de arriba de Pereiro coñécese moito pero a de abaixo, Melias e Vilariño, é menos coñecida, e isto pode axudar”. 

“É a primeira vez que se organiza unha feira en Melias, xurdiu da directiva da asociación de veciños. Queriamos facer algo para os veciños á parte das andainas ou algunha festa popular. Xurdiu a idea de facer unha feira, contámosllo ao alcalde  e estaba contento coa iniciativa”. Dentro do concello, Loñoá ten feira, pero celébrase nese caso o primeiro domingo de cada mes. Pola contra, en Melias farase o cuarto domingo de cada mes. 

A Asociación de veciños vén organizando xa cada domingo  a visita dun pulpeiro e almorzos para os veciños.

Te puede interesar