CULTURA

Os Mestre Mateo rondan Ourense

FotoJet (2)_result

O talento da provincia repite nas candidaturas dos XVII Mestre Mateo, os "Goya" galegos. Documentais, películas, actores e actrices protagonistas e de reparto, música, vestiario... Unha decena de representantes

Bos tempos para o audiovisual galego. E para o talento ourensán. Ata dez representantes da provincia, entre ourensáns de nacemento e de adopción, nas nominacións dos XVII Mestre Mateo, os Goya de Galicia.

Para Rodrigo Vázquez é a cuarta nominación a mellor comunicador polo "Ti verás", o concurso que presenta na tarde da TVG. "Desta creo que van darme algo honorífico xa, aínda que sexa un premio pequeno destes de chocolate", bromea. Sobre si se ve moito máis tempo no programa, di: "Mira Gayoso! Eu estou cómodo co formato e co equipo". 

"Trote", a película de Xacio Baño, cineasta afincado en O Barco, acumula 15 nominacións en 13 categorías. É o proxecto máis votado, xunto "A sombra da lei". A representación ourensá desborda da longametraxe dende a dirección ata o elenco. En guión está nominado o propio Xacio Baño xunto ao ourensán Diego Ameixeiras.

En mellor interpretación feminina de reparto, Melania Cruz, outra ourensá de adopción, que ademáis, compite pola mellor actriz protagonista polo seu papel en "Contou Rosalía", con outra ourensá: a actriz de Carballeda de Avia Rosa Álvarez, que pode levar o Mestre Mateo a mellor interpretación feminina por "Sea Beasts". Elvira, unha nai cunha forza enorme sobre o seu fillo, foi un personaxe escrito para ela: "E eu encantada de que se recoñeza a este director, tiña que haber máis nominacións da película", di a actriz. Sobre Elvira define o personaxe como "moi duro, moi primitivo e moi solidario. Desgarrador".

"Trote", a película do cineasta con raíces en Valdeorras Xacio Baño, acumula 15 nominacións

O verinense Toni Salgado está nominado a mellor interpretación masculina polo seu papel na serie "O sabor das margaridas", que proximamente estará nunha grande plataforma audiovisual. "Entrar na categoría con Morris, Touriñán e Tosar, pois... queda un co cú torcido", ri o actor, que fai o papel dun garda civil con aspiracións maiores nun escenario cheo de corrupción. 

A poeta Celia Parra, tamén de noraboa. A súa idea "Versogramas", un proxecto transmedia sobre a videopoesía, acumula catro nominacións para o equipo: "Estamos moi contentos, non esperabamos tanto con un documental coma este, tan experimental", comenta Parra.

Para os ourensáns Borja Varela e Ángel Nimo tamén foi unha sorpresa. Están nominados a mellor vestiario xunto a Pedro Fernández por "Las brujas de E'lente", a película do ourensán Simón Vázquez que se estreou na pasada edición do OUFF.  "Estamos muy contentos porque fue una peli entre amigos. Sabemos que tenemos una competencia muy dura, pero es una alegría", conta Varela. Nimo, que leva case 30 anos na industria, tampouco o esperaba. Alaba o talento de deseñadores de vestiario no audiovisual galego, a maioría emigrados e conta que o máis "complicado" do vestiario das bruxas foi "partir de presupuesto cero".

A barquense Alicia Alonso completa a lista. Está nominada a mellor videoclip por "Eu non sei por qué", que fixo para Boyanka Kostova. 


As apostas da última edición do OUFF, entre as nominadas


"Os Mariachi", a serie ambientada en O Ribeiro e que estreou o primeiro capítulo na pasada edición do OUFF, acumula tres nominacións: mellor actor protagonista, mellor son e mellor serie.

"Memorias de un hombre en pijama", a primeira película de animación que proxectou o festival ourensán, tamén está na lista. Compite por mellor guion, mellor longametraxe e mellor música.

"Tódalas mulleres que coñezo", o relato feminista da lucense Xiana do Teixeiro e que se grabou con escolares do IES As Lagoas, cerra o ciclo das apostas do OUFF. Compite na categoría de mellor documental, producido por Walkie Talkie Films. 
 

Te puede interesar