VICERREITORÍA

"O meu nomeamento é unha decisión valente"

Virxilio Rodríguez, o vindeiro vicerreitor do Campus (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera Virxilio Rodríguez, o vindeiro vicerreitor do Campus (XESÚS FARIÑAS)

O nomeamento do vicedecano de Dereito Virxilio Rodríguez como novo vicerreitor do Campus en substitución de María Lameiras será o grande cambio que se producirá en Ourense se se confirma a continuidade do actual reitor.

 Pola súa vocación e formación, Rodríguez defínese como "un produto da Universidade de Vigo" e aposta polo Campus da Auga e a especialización como chaves para o futuro universitario en Ourense.

Cal é o principal reto ao que se deberá enfrontar como vicerreitor?

O proxecto e o reto fundamental é o Campus da Auga, do que agardamos que se convirta en imaxe de marca do Campus de Ourense de cara ao futuro. Este equipo de goberno apostou por esta especialización, primeiro, porque os recursos dos que xa dispón o Campus tenden cara ámbitos vinculados coa auga, o desenvolvemento sostible e o medio ambiente, ata o punto de que moitos centros xa comezaran a traballar nesa especialización antes de que se puxera en marcha; e segundo, porque responde aos propios recursos e potenciais da cidade, a comarca e a provincia de Ourense. Dende o punto de vista da docencia, apostamos pola posta en marcha dun programa de doutoramento no que participe o maior número posible de centros do Campus e que pivotará no tema da auga, e que será unha porta de saída para os estudantes ourensáns e un vehículo de colaboración con universidades nacionais e internacionais.

É, por tanto, unha clara aposta pola especialización.

A especialización dos campus contémplase na Lei do Sistema Universitario de Galicia. Esta é fundamental para que todos os campus se complementen dentro do sistema universitario galego e non se establezan xerarquías. Ademais, o Campus da Auga é o primeiro paso do proceso de autogoberno do Campus de Ourense, xa que esixirá a creación dunha estrutura organizativa que o reitor anunciará cando rematen as eleccións, que acabará sendo a base desta estrutura de autogoberno.

Daría pé a pensar no futuro nunha Universidade de Ourense?

Neste momento temos que traballar na especialización, pero o seu valor só terá sentido dentro da unidade e dunha imaxe de marca da Universidade de Vigo que se conseguiu despois de moito tempo e esforzo, e que non debemos poñer en perigo.

Xa en termos xerais, optará Virxilio Rodríguez polo cambio ou pola continuidade?
Eu creo que vai ser un cambio radical respecto ao que se estaba a facer. É unha aposta de futuro que levará gran parte das miñas enerxías de traballo, pero seguiremos dándolle importancia aos servizos que se están proporcionando dende a Vicerreitoría. Eu teño unha idea clara: para que a universidade poida cumprir coa misión de proporcionarlle un servizo de calidade á cidadanía é necesario que toda a comunidade universitaria traballemos nunha mesma dirección. É necesario manter un diálogo aberto e constante con todos os seus actores, o que significa que dende o primeiro momento estarei escoitando e mantendo reunións periódicas cos decanos, alumnos, profesores e persoal de administración e servizos, centrándome nos colectivos máis xoves, que son o motor desta universidade grazas aos seus enormes sacrificios.

Precisamente, sobresae a súa xuventude. Que vantaxes se poden aproveitar desta cualidade?

Eu represento en parte a un enorme colectivo de profesores e investigadores que temos aínda que construír unha carreira académica e que estamos asumindo cargos de responsabilidade, así que sabemos o que é o funcionamento de base. O reitor tamén apostou por unha persoa nova para o Campus de Pontevedra, e cremos que imos dar unha visión da base e das dificultades e problemas que representa. Isto, mesturado coa excelencia e a visión de catedráticos cunha carreira moito máis dilatada e os profesores titulares da universidade, proporcionará equilibrios nas políticas que se fagan na institución. O meu nomeamento é unha decisión valente do reitor que debe ter un significado máis aló do simbólico.

Como se posiciona respecto ao incremento das taxas universitarias que tantas protestas xerou a comezos de curso?

Persoalmente, eu creo no ensino público como un elemento de cambio e transformación social, e a postura do equipo de goberno é seguir loitando pola conxelación de taxas. Ademais, prevense establecer propostas de apoio económico á mobilidade do estudantado que complementen as axudas estatais, cada vez máis minguadas en relación coas becas Erasmus. Máis alá do económico, hai que potenciar as prácticas externas a través da colaboración con aquelas institucións e empresas que garantan un bo desenvolvemento das prácticas estudantís, que tamén son unha ponte natural de cara á empregabilidade do alumnado.

Te puede interesar