EXALCALDE DE OURENSE

Francisco Rodríguez: “Moitos nos deixaban o currículo pero a empresa contrataba a quen lle parecía"

rodríguez
photo_camera Francisco Rodríguez, o venres en Ourense.

O exalcalde da cidade, Francisco Rodríguez, clama pola súa inocencia na Pokemon, nega ter recibido reloxos de Vendex e asegura que o seu patrimonio procede dos seus salarios, xustificando os ingresos fraccionados na súa conta en herdanza e aforros. 

Levantouse o segredo do sumario e puido coñecer con detalle as acusacións que hai contra vostede. Que conclúe?

Me reafirmo máis na miña convicción en canto á inxustiza que se cometeu comigo cando se me veu deteñer á casa. Foi unha medida absolutamente excepcional, máis relacionada cun Estado non democrático ou coa presunta comisión de delitos de asesinato ou terrorismo. Estiven 52 horas sin saber nada, pensando en tantas cousas ... menos no que saiu despois. E reafírmome na miña absoluta inocencia; hai cousas que son totalmente verdade ...

Como cales?

Por exemplo, que fixen unha xestión para a contratación dunha persoa en situación desesperada. E en tres ou catro ocasións fixen tamén xestións para que non cobraran a grúa a algúns. Pero a partires de aí, se pretendía dicir que unha empresa entregaba regalos para conseguir servicios, en Ourense ó que se presentou perdeuno: axuda a domicilio, limpeza dos colexios, ... Como se pode, pois, entender que unha empresa nos pode favorecer se non lle adxudicamos nada?

Amosa o sumario listados de enchufes a deceas de persoas, moitas militantes socialistas, en empresas concesionarias. Como o explica?

O que hai é un papel con persoas anotadas que deixaban o currículo e se lle mandaba ás empresas para sustitucións no verán ou para traballar fins de semana. Pero a empresa collía ós que lle parecía.

Parecían vostedes un centro de contratación de persoal.

En absoluto. A empresa de limpeza tiña un sistema riguroso de contratación. A xente viña pedir axuda e nós remitiamos os nomes para vacantes puntuais.

Por certo, que reloxo trae?

Non sei, aínda que dixo Adrián Cordero que a mín me gustaban moito, a verdade é que non. Lévoo (é un Tissot clásico) porque no instituto está prohibido o móvil nas clases.

Nega que lle obsequiasen con reloxos, sobre todo co Rólex. Por qué o dixo entón Vendex?

Non sei, no caso dun sobre xa se recoñeceou que non houbo e co Rólex pode pasar que a empresa os mercara pero non me chegaron a min; ademáis din que era de muller.

Cordero falaba de varios.

Si, catro; pero se alguén quere facer un regalo non vai regalar un reloxo cada ano, cambiará de obsequio.

Prantéxase entón denunciar ó xerente de Vendex?

Posiblemente algún día ese tema si quede perfectamente aclarado. A ver, un alcalde non é un monstruo, son correcto, amable, e dinme que tiña familiariadade con eles, ou que os chamei cando perderon as concesións, para lamentalo. Pois flaco favor lles fago porque non lles din o contrato.

A xuiza insinúa que vostede recibiu cartos de empresas polos seus ingresos durante anos nas súas contas e nas da súa familia. Que ten que alegar?

Casualmente, esto xurde meses despois da miña detención, que era por Vendex. Como non atopou nada sustancial, abre unha investigación da miña vida e da miña familia. A miña filla pediu un crédito de 50.000 euros e sei que gardaba cartos, por problemas familiares, que logo ingresou na conta. E serviu copas os fins de semana para atender á súa filla, e cobraría. Eu non lle ingresei nunca, aínda que lle dou cartos como axuda. Mercedes pediu unha hipoteca de 60.000 euros para unha obra que ó final non fixo, pero non os devolveu ó banco e gardounos para os estudos da filla. Cobrou a liquidación da empresa onde traballou antes e o pai da rapaza ingresáballe cartos para contribuir ós seus gastos en Madrid. E os pais dela axudárona tamén. Eu non teño vicios nin gastos e houbo uns anos que, coa Mercedes, cobrabamos 5.000 euros ó mes. Compramos o piso e había que equipalo. Xeneráronse gastos e tiña que repoñer na conta. Os meus ingresos fraccionados, de aforros ou do meu pai, eran para eso. Nos catro anos eses ingresos non chegan a 28.000 euros na miña conta particular.

Pero só en 2009 contabilizou 73.000 euros nas tres contas.

Con sumar a aportación do pai da rapaza de Mercedes e a liquidación da empresa dela, xa suma 30.000 euros. O meu pai deume 9.000 e engado o pouco que eu ía tendo gardado e ía ingresando. Está todo constatado.

Con ese salario de máis de 4.000 euros, como ten descubertos na súa conta? É un despilfarrador?

Cecais serei un despilfarrador. E o digo sempre, cando tiven que pagar a fianza, prestoume cartos o meu irmán. Pero pense que eu tiven dous fillos, unha estudiando anos en Coruña e o outro en Vigo, ata hai dous anos. Eso é tamén un gasto.

De Lara fai un control moi detallado deses ingresos e detectou en 2009 ata tres nun mesmo día. Eso ten tamén explicación?

Ten razón que hai varios no mesmo día, pero un é un erro. Pero esto que lle amoso (un extracto bancario) é o do banco, o que ten ela. E suman os ingresos 28.000 euros neses anos.

Explíqueme o intercambios de contratacións en Aquagest.

Cando chegamos ó goberno en 2007, faltabanos un técnico para Augas. A muller de Henry Laíño, xerente de Aquagest, ó que coñecía porque ela é de Verín, era a que mellor sabía da rede de abastecemento porque traballaba na empresa, aínda tendo en conta a nosa amizade. Houbo un proceso transparente e elixirona a ela. Pouco despois, Mercedes quedou no paro ó pechar a empresa na que traballaba. Laíño dixo que había unha vacante de contabilidade. Fixo unha entrevista e contratárona. Caso do meu fillo: Laíño ofreceulle un contrato de formación e estivo uns meses. Puiden dicirlle que lle buscara outro sitio ó rematar pero non fun capaz. E pense que Aquagest saiu perxudicada porque non puido facer ningunha obra neste Concello ó estar contratada a muller do xerente.

Viaxou a Brasil pagado polos empresarios. É habitual que as empresas lles inviten?

Os empresarios mandáranme unha invitación e nesa mesma viaxe ía amosar as potencialidades de Ourense en termalismo; esa viaxe pagouna a Asociación de empresarios galegos de Salvador de Bahía. E fun a Arxentina, chamado por María Xosé Porteiro, grande amiga miña. En total, catro días.

Parécelle normal que as concesionarias de servicios municipais fagan regalos ós alcaldes e ós concelleiros, e que se acepten?

O problema non está no obsequio. Non é delito que eu lle regale este reloxo, o é que vostede pense que lle teño que dar algo a cambio.

E agora que?

Espero que me levanten as medidas cautelares. Eu son inocente e a xuiza non fixo ben cando me mandou deter; se pensaba que tiña o Rólex, que menos que rexistrar xa a miña casa nese momento. Como demostra agora que mo regalaron? 

Te puede interesar